publicidade hoxe

A Xunta executa a reconstrución do muro da praia de Arnela e a mellora do firme na estrada AC-550

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaPorto do Son
A-
A+

O director da Axencia Galega de Infraestruturas (AXI), Francisco Menéndez, acompañado polo alcalde de Porto do Son, Luís Oujo, supervisou hoxe as obras de reconstrución do muro da praia de Arnela, na estrada AC-550, e tamén a mellora do firme desta mesma vía, ao seu paso por este municipio.

O Goberno galego investirá algo máis dun millón de euros para a execución destas actuacións de mellora nesta estrada autonómica.

Por unha parte, o proxecto de reconstrución deste muro consiste na demolición da infraestrutura existente e a construción dunha nova, dividida en dúas tipoloxías estruturais: muro de formigón armado e muro ancorado.

Nesta actuación tamén se contempla a execución dunha pasarela peonil que dea continuidade á recentemente construída por parte do Concello de Porto do Son; e a reposición de firmes, a urbanización e sinalización e a colocación de defensas.
Esta actuación está xa moi avanzada na súa execución e rematará ao longo do vindeiro mes de agosto.

Por outra parte, a Consellería de Infraestruturas tamén está a realizar a rehabilitación do firme danado ou en mal estado na estrada AC-550, mellorando as súas características actuais e acadando un incremento da seguridade vial na citada vía.

A actuación estase a desenvolver concretamente nos seguintes treitos da estrada: 9+150 – 9+650 (treito 0), 40+350 – 51+500 (treito 1), 53+270- 53+330 (treito 2), 57+070 – 63+600 (treito 3), 73+075 – 73+235 (treito 4), 82+450 – 88+090 (treito 5), 89+100 – 101+400 (treito 6) e 102+400 – 103+650 (treito 7), sendo as principais actuacións as que se executan nos concellos de Muros e de Porto do Son.

As obras realízanse segundo as circunstancias concretas das distintas zonas, polo que, por exemplo, nos tramos con fisuras e sen deformacións, estase a executar un selado que consiste na reparación das gretas aparecidas na superficie do pavimento.
Nos treitos con problemas de deslizamento, a Xunta está a estender dúas capas de micro- aglomerado; nas zonas coa capa de rodadura rota, efectúase o fresado localizado e a reposición do firme. En zonas con badéns, recrécese sobre a capa de rodadura; e finalmente, nas zonas de travesías, estase a executar unha capa de rodadura de 3 cm no ancho da calzada.

20 de xullo de 2016 | 17:27 • Sen comentarios

Comentarios pechados.