A Xunta de Goberno da Deputación adxudica o contrato para a xestión do programa Depo Ruarte 2016

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaPontevedra
A-
A+

A Deputación de Pontevedra, na súa Xunta de Goberno, vén de aprobar a adxudicación do contrato para a xestión, desenvolvemento e execución do programa Depo RuARTE, así como para a organización e desenvolvemento do I Certame Xuvenil Depo RuARTE. Ambas actuacións levaranse a cabo por un importe máximo de 98.570 €, dos que 20.570 se destinarán ao certame e 78.000 € para a execución das actividades do programa.

Depo RuARTE é un pioneiro programa de dinamización xuvenil, posto en marcha este ano pola Deputación de Pontevedra para achegar actividades de lecer que atendan as demandas actuais dos mozos e mozas da provincia, ofrecéndolles ademais así espazos de encontro e intercambio de experiencias para a xuventude.

Un total de 52 concellos da provincia de menos de 50.000 habitantes acolléronse a esta iniciativa que achegará diferentes alternativas de ocio á xuventude do municipio. Entre as actividades nas que van poder participar mozos e mozas están, por exemplo, break dance, coctelería e batidos sen alcohol, hip-hop, curtametraxes co móbil, graffiti, cociña en verde, rap ou xogos malabares.

Todas as actividades se engloban en distintas temáticas: MusicARTE, RuARTE, UrbanARTE, CreARTE e CociñARTE. Cada actividade terá unha duración de 25 horas e poderán participar mozos e mozas de entre 14 e 30 anos, aínda que se pode abrir a outras idades sempre que haxa prazas libres dispoñibles. Desenvolveranse como máximo ata o 15 de setembro, e posteriormente, terá lugar o I Certame Xuvenil Depo RuARTE.

8 de xullo de 2016 | 18:16 • Sen comentarios

Comentarios pechados.