A Xunta convoca o programa Reforma 16 para mellorar os baños e cociñas de 5.000 fogares
O delegado territorial da Xunta en Vigo, Ignacio López-Chaves, mantivo unha reunión esta mañá con Andrés Sande, xerente de Asemaco, a asociación sectorial que agrupa ás empresas de materiais de construción, con motivo da nova convocatoria de axudas aberta pola Consellería de Economía, Emprego e Industria en colaboración con esta entidade.
A Xunta xa publicou no Diario Oficial de Galicia (DOG) a nova edición do programa Reforma 16 para a renovación, por parte de particulares, de todo tipo de equipamentos de cociña e baño (excepto electrodomésticos). A Consellería de Economía, Emprego e Industria activa esta iniciativa co obxectivo de chegar a máis de 5.000 fogares.
A través deste programa, o goberno galego destina 2,8 millóns de euros en axudas coas que se prevé mobilizar, antes de que remate este ano, uns 30 millóns de euros. O prazo de presentación de solicitudes para a adhesión das entidades colaboradoras será dun mes a partir do día seguinte ao da publicación da convocatoria no DOG; mentres que o prazo de solicitudes de axuda finalizará o 15 de outubro.
López-Chaves recordou que o obxectivo do Reforma 16 é “ademais da colaboración cos particulares, tamén favorecer a un sector tan importante da economía galega, como é o da construción”, trátase, por tanto, de impulsar a demanda e o emprego entre as pequenas empresas e os autónomos do sector. Coma explicou o delegado, esta iniciativa da Consellería de Economía, Emprego e Industria, a través do Igape, xerará investimentos duns 30 millóns con axudas que suporán rebaixas do 40%. En concreto, apoiarase o 20% da base impoñible, co límite entre 200 e 1.000 euros por persoa e domicilio particular. A entidade colaboradora realizará un desconto equivalente ao da Administración autonómica, polo que a rebaixa global achégase ao 40%. O custe mínimo dos produtos adquiridos terá que ser de 1.000 euros.
Andrés Sande, xerente de Asemaco, recordou a importancia deste programa Reforma 16 que, impulsado tamén dende a asociación, “abarca todo o sector da construción en Galicia” e destacou que a iniciativa, ademais de fomentar a distribución de materiais de construción, afecta tamén a “subsectores moi ligados” como poden ser a calefacción ou a fontanería.
O beneficiario desta iniciativa autonómica terá que solicitar a axuda no mesmo establecemento, o cal, como entidade colaboradora, se encargará de tramitala por vía telemática para que sexa máis áxil. O programa permitirá así incentivar a demanda nos sectores industriais e comerciais máis afectados polo descenso da actividade de construción. Deste xeiro, as entidades colaboradoras incrementarán a súa facturación, o cal contribuirá ao mantemento e creación de emprego.
Este programa de axudas e incentivos reafirma o impulso positivo conseguido na edición anterior. O Reforma 15 permitiu realizar obras de modernización en 3.000 fogares galegos coa participación de 380 establecementos de materiais de construción e mobilizando máis de 20 millóns de euros. Deste xeito, estímase que, en só dúas edicións, o Goberno galego poderá axudar a 8.000 fogares galegos.
Autobús a Peinador
Nas súas declaracións, o delegado da Xunta recordou tamén que dende a Consellería de Infraestruturas e Vivenda se lle volveu a enviar unha carta ao alcalde de Vigo, Abel Caballero, solicitando unha reunión para chegar a un acordo de financiación e colaboración para a posta en marcha do autobús a Peinador.
Coma explicou López-Chaves, trátase dunha competencia exclusivamente municipal pero dende a Xunta, ante a falta deste servizo e detectando unha necesidade para a cidade, mostrouse interese dende o mes de febreiro para colaborar non so tecnicamente, senón tamén dende o punto de vista financeiro. “Agora solicitamos unha última reunión para definir o texto do convenio”, dixo, dun servizo de autobús ao aeroporto “que a Xunta financiará a pesar de non tratarse dunha competencia do goberno autonómico”, insistiu o delegado lembrando a continuación que esta reunión intentouse celebrar no mes de xuño e agora, novamente, a conselleira de Infraestruturas, Ethel Vázquez, dirixiu unha carta ao rexedor vigués coa finalidade de fixar unha data para a dita reunión.











