A Xunta consolida o seu apoio ao papel social das comunidades galegas en Río de Xaneiro

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGalicia exterior
A-
A+

O Goberno galego segue a reforzar o seu apoio ás necesidades socio-asistencias básicas dos maiores galegos residentes no exterior. Nesta liña de actuación, o secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, asinou hoxe un convenio de colaboración entre o departamento que dirixe, e maila Consellería de Política Social, coa Peña Galega da Casa de España. Este documento serve de base xurídica para dar apoio aos preto de 2.000 galegos residentes na zona, e está dotado con corenta mil euros, coa finalidade de atender as necesidades socio asistenciais das e dos cidadáns galegos residentes en Brasil, achegados integramente por Política Social.

“O Goberno galego ten demostrado o seu indiscutible compromiso social nos momentos en que a crise económica azoutaba máis forte; con máis razón, agora que vemos o final do túnel, as e os galegos do Exterior poden estar certos de que a Xunta estará ao seu carón para cubrir as necesidades da diáspora, especialmente dos nosos maiores e dos colectivos con maior risco de exclusión”, segundo destacou Miranda nada máis aterrar no Brasil, onde –ademais de en Rio- realizará visitas a comunidades galegas en Niteroi e Sâo Paulo.

A Peña Galega da Casa de España é unha entidade sen ánimo de lucro que leva a cabo unha importante política social asistencial orientada a facer efectiva a mellora da calidade de vida das persoas maiores pertencentes á colectividade galega. Nas súas instalacións, a Peña Galega da Casa de España xestiona e administra un centro de día no que proporciona aos emigrantes galegos actividades sociais, culturais, recreativas, asistencias e sanitarias. Nas súas instalacións aténdense en torno a trescentas persoas de orixe española (e, entre elas, o colectivo de galegos é o máis destacado numericamente).

‘Recreio dos Anciâos’

Tras a visita á Peña Galega da Casa de España, Rodríguez Miranda visitou a Sociedade Recreio dos Anciâos de Río de Xaneiro, entidade coa que a Secretaría Xeral da Emigración asinara recentemente un convenio de colaboración, dotado con vinte mil euros.

O ‘Recreio’ conta arestora con ao redor de 200 prazas para maiores, das que unha elevada porcentaxe se destina a persoas con orixe española, e nomeadamente galega. É unha entidade benéfica creada no ano 1940, destinada a acoller persoas maiores de forma temporal ou permanente de xeito gratuíto dando prioridade aos españois necesitados e persoas maiores. Neste centro, ofrécese aos residentes alimentación, vestiario e servizos médicos, mellorando así o aspecto social, emocional e psicolóxico.

Na súa visita á sede desta institución, o mesmo que fixera no caso da Peña Galega, o secretario xeral da Emigración departiu coas socias e socios, e con membros da xunta directiva, co gallo de coñecer de primeira man as inquedanzas e actualidade das e dos galegos asentados en Río.

‘Hospital Espanhol’

A axenda do secretario xeral da Emigración en Río concluíu cunha visita á ‘Sociedade Espanhola de Beneficencia – Hospital Espanhol’, unha das institucións de atención social e sanitaria máis antigas do Brasil. Naceu en 1859 como “Sociedad Española de la Caridad” da man de españois, sobre todo comerciantes e representantes de empresas españolas en Brasil, co obxectivo de reducir no posible os problemas de saúde pública, pois naquel momento a cidade carecía de hospitais e organizacións médicas de calidade.

A Sociedade mantivo sempre o seu nome vinculado á axuda proporcionada aos residentes españois en temas relativos ao apoio social e sanitario, aínda que tamén no ámbito cultural levou a cabo iniciativas senlleiras nos albores do século XX. É a partir de 1912 cando comeza a materializarse a idea de creación dun hospital vinculado á Sociedade e á colonia española (fundamentalmente galega) residente na zona, pois ata o daquela as actuacións da Sociedade restrinxíanse a momentos de emerxencia. Así, en 1928 abriuse o Hospital na súa primeira sede, a Casa de Saúde de Criciúma.

Galegos no Brasil

Canda Arxentina, Venezuela, Uruguai, México, e Cuba, Brasil concentra a unha porcentaxe importante da colectividade galega emigrada á outra beira do Atlántico. Segundo os datos máis recentes do INE, arestora residen no país carioca 46.671 galegas e galegos, que ven representando o 37’29 % do total de 125.150 españois residentes na República Federativa.

Deses 46.671 galegas e galegos, 33.913 naceron xa na diáspora. É dicir: o 72’67 por cento son xa nados no propio país, constituíndo a semente dunha nova xeración da Galeguidade aínda máis inmersa na sociedade de acollida, “pero que segue a sentirse fondamente vinculada coa Galicia territorial, tal e como demostra a súa activa participación en cantos programas desenvolve a Xunta no Brasil”, tal e como salienta Rodríguez Miranda.

29 de xullo de 2016 | 16:42 • Sen comentarios

Comentarios pechados.