A Xunta concede unha axuda de 600.000 euros para transformación e comercialización de produtos agrarios a Novafrigsa

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaLugo
A-
A+
Ángeles Vázquez na visita a Novafrigsa

Ángeles Vázquez na visita a Novafrigsa

A Consellería do Medio Rural destinou este ano un total de 33,2 millóns de euros ás axudas para mellorar as condicións de transformación e comercialización dos produtos agroalimentarios galegos. Neste marco, o departamento que dirixe Ángeles Vázquez concedeulle unha achega á empresa Novafrigsa por un montante superior aos 600.000 euros dentro dun proxecto que prevé un investimento de máis de 1,7 millóns de euros nas súas instalacións situadas en Coeses, concello de Lugo.

Ángeles Vázquez, que esta mañá visitou as instalacións desta empresa pertencente ao grupo Coren acompañada pola directora xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, Belén do Campo, destacou o impulso que se lle está dando a industria da alimentación co fin de mellorar a súa calidade e promover o consumo dos produtos do agro galego. Precisamente con este fin foron aprobadas en 2016 un total de 24 axudas para a provincia de Lugo, cun orzamento de 10 millóns de euros.

A conselleira sinalou que o sector agroalimentario dos produtos de calidade supón en Galicia unha facturación anual duns 300 millóns de euros e implica a case 30.000 explotacións agrarias e 900 industrias. Polo tanto, insistiu na necesidade e deber como Goberno galego de velar polos intereses desta factoría, xa que como elemento clave no equilibrio territorial e no desenvolvemento das economías locais, é necesaria para dar viabilidade e valor engadido a estas producións de calidade, base das zonas rurais galegas.

Novafrigsa S.A.

Esta cooperativa de segundo grao, creada no ano 1995, integra numerosas sociedades con diferentes actividades, entre elas a avícola (de carne e de posta), porcino, plantas de alimentación animal, etc.

As principais actividades son a elaboración de produtos cárnicos (embutidos, friames e cocidos), curado de xamón e sacrificio e despece de gando vacún. Ten unha facturación que supera os 70 millóns de euros anuais, comercializando o 90% da produción en España, o 9% dentro da UE e só exporta o 1%. Trátase dun referente neste sector, tal e como mostran as cifras.

A axuda que recibe este ano por parte da Consellería do Medio Rural irá destinada a optimizar a produción, a calidade e o aforro enerxético. En concreto, vanse levar a cabo reformas na zona de sacrificio, zona de despece e vestiarios do persoal. Procederase a mellorar a instalación eléctrica, instalación contra-incendios, fontanería e instalación frigorífica; así como o sistema de telefonía, software e sistema de control de cámaras en zona de xamóns.

11 de xullo de 2016 | 17:18 • Sen comentarios

Comentarios pechados.