publicidade hoxe

A Xunta comeza as actuacións de reparación e mellora na estación de autobuses de Carballo

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCarballo
A-
A+

A Consellería de Infraestruturas e Vivenda, a través da Dirección Xeral de Mobilidade, comeza hoxe as actuacións de mellora na estación de autobuses de Carballo.

Estas obras contan cun investimento de máis de 60.000 euros que serán achegados polo Goberno galego. As citadas actuacións están enmarcadas no Plan Renove de estacións de autobuses de Galicia, que centra as súas accións na mellora deste tipo de instalacións.

Os traballos a executar nesta estación de autobuses centraranse na reparación da cuberta e limpeza de canlóns, así como no arranxo da estrutura metálica das dársenas. Tamén se solucionarán as carencias que presentan os falsos teitos e tabiques danados pola entrada de auga.

O proxecto tamén contempla accións de reparación nos aseos ou a revisión e adecuación da instalación eléctrica: cadros eléctricos, luminarias de emerxencia, ou tomas de corrente. Ademais levaranse a cabo a retirada e substitución do cerramento perimetral da estación.

Outros traballos a desenvolver consistirán na optimización da sinalización, poda de árbores e retirada da pérgola exterior de acceso e substitución e motorización do portalón de entrada á dársena.

12 de xullo de 2016 | 17:21 • Sen comentarios

Comentarios pechados.