publicidade hoxe

A Xunta avanza na posta en servizo do centro de día de Maceda

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaMaceda
A-
A+
Marisol Díaz na visita ás instalacións

Marisol Díaz na visita ás instalacións

A Xunta de Galicia, a través da Consellería de Política Social, está a dar os últimos pasos para a posta en servizo do centro de día de Maceda, en Ourense, integrado na rede autonómica do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar.

O xerente do Consorcio, Perfecto Rodríguez, a delegada territorial da Xunta en Ourense, Marisol Díaz, o alcalde de Maceda, Rubén Quintas, e responsables da empresa Troncoso S.L. –a adxudicataria da xestión do centro-, visitaron os catro módulos do edificio para supervisar os últimos detalles da súa posta a punto (pequenas reparacións, limpeza integral e arranxos de xardinería entre outros).

O centro terá unha capacidade máxima de 60 prazas, aínda que comezará operar de xeito gradual –como é habitual nestes casos-, con 25. A previsión é que esas instalacións para a atención diúrna aos maiores, tamén dos derivados dende concellos da área de influencia de Maceda, abran xa as súas portas no mes de agosto, co obxectivo de recibir aos primeiros usuarios en setembro.

O Goberno galego enviou recentemente ao Concello de Maceda o convenio de colaboración entre ambas as dúas administracións para a xestión e financiamento do centro, paso previo –xunto coa aprobación dese documento polo consistorio- ao inicio do proceso de adxudicación de prazas.

O convenio de colaboración axústase aos novos criterios económicos establecidos no Acordo Marco subscrito pola Consellería de Política Social e pola Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) o pasado 11 de maio, que fixa un custo por usuario e ano para todos os centros de día e escolas infantís dependentes do Consorcio.

Cando entre en funcionamento o de Maceda, a rede de centros de día de titularidade autonómica estará formada por un total de 57 (con capacidade máxima para 2.244 usuarios). A oferta da Xunta de Galicia complétase con 6 fogares residenciais, 1 residencia (con capacidade para 170 usuarios) e 6 vivendas comunitarias (cun máximo de 96 persoas).

A Consellería de Política Social está a acometer ademais un plan de obras de mellora de instalacións e mobiliario en centros de maiores, no que inviste máis de 600.000 euros, e que é posible grazas ao cumprimento por parte da comunidade autónoma do obxectivo de déficit.

14 de xullo de 2016 | 16:48 • Sen comentarios

Comentarios pechados.