A ruta do autobús iFala remata na Praza do Obradoiro este sábado
Despois de visitar 18 localidades, a ruta do autobús iFala chega ao seu fin este sábado na Praza do Obradoiro. A iniciativa de Ora Galega e a área de Cultura da Deputación da Coruña anuncia unha segunda etapa despois do verán dado a demanda de concellos para participaren. O Concello de Compostela colabora na programación na cidade.
A Praza do Obradoiro será o escenario para a última parada do autobús iFala na primeira etapa da súa ruta na que visitou 18 localidades difundindo o legado das Irmandades da Fala no seu centenario. Música con Habelas Hainas (ás 12.30) e o espectáculo teatral “María Miramontes desde o alén” (18,30, 19,30 e 20,30) con texto de Inácio e interpretación de Tero Rodríguez máis acompañamento dos Irmáns daFala formarán parte do programa paralelo á exposición itinerante do autobús.
A vicepresidenta da Deputación e responsábel da área de Cultura, Goretti Sanmartín, o concelleiro de Santiago, Manuel Dios, Elvira Souto e Carlos Quiroga como responsábeis de Ora Galega presentaron o programa de Santiago e fixeron balance do proxecto nunha roda de prensa que se desenvolveu na Rúa do Vilar, n. 15, diante do que fora sede da imprenta Nós de Ánxel Casal. Na presentación participou tamén Marcos Maceira, presidente da Mesa pola Normalización, unha das entidades colaboradoras do proxecto.
Como portavoz de Ora Galega, Elvira Souto fixo un balance positivo da difusión que, ao longo de todo o país, supuxo o proxecto itinerante que finalmente visitou máis localidades das previstas no inicio debido á demanda dos concellos. “Precisamente porque desde moitas localidades pediron a visita do autobús decidimos botar andar unha segunda xira a partir do verán, en setembro e outubro, dirixida fundamentalmente á participación dos centros de ensino”, sinalou Souto desta “volta a Galiza” que tiña vontade de percorrer o país en etapas co fin de conmemorar o centenario das Irmandades e “facer tamén exaltación da cultura galega”.
A vicepresidenta da Deputación, Goretti Sanmartín, fixo referencia á coincidencia do autobús iFAla na cidade de Santiago coa exposición “Saúde e terra, irmá(n)s!” -organizada pola Deputación, o Museo do Pobo Galego e a Real Academia Galega- que o pasado mércores se inaugurou no Museo do Pobo Galego. “Son dúas maneiras distintas de nos achegarmos ás Irmandades da Fala mais as dúas comparten a vontade de dar a coñecer un periodo fundamental na nosa historia, cando homes e mulleres soñaron para Galiza, para a nosa lingua e para a nosa cultura un futuro de seu”, defendeu. Goretti Sanmartín parabenizou Ora Galega por unha iniciativa que “moderniza o discurso e transmite o legado das Irmandades con pedagoxía e mesmo humor”.
“Tripar o país”
Valorou moi especialmente a tamén responsábel da área de Cultura da Deputación a idea da iniciativa de “tripar o país”, coñecelo e percorrelo, á maneira das mulleres e homes das Irmandades da Fala.
Diante do edificio no que estaba instalada a imprenta Nós de Ánxel Casal, Goretti Sanmartín lembrou todas aquelas persoas que, como aconteceu co que fora alcalde de Compostela e vicepresidente da Deputación da Coruña, “padeceron a represión, entre as que se atopan moitas vinculadas ás Irmandades. É obriga das institucións evitar que sobre elas caia unha lousa de silencio, cómpre traelas ao presente, recuperar a súa memoria e dar continuidade ao seu legado”, afirmou. Neste sentido, fixo referencia ao acto que a fin de mes organizará a Deputación da Coruña en homenaxe ás persoas que ocupaban cargos públicos nas corporacións locais que foron represaliadas despois do golpe de 1936.
Pola súa parte, o concelleiro de Educación e Cidadanía, Manuel Dios, defendeu a necesidade de “apoiar as iniciativas que fagan un recoñecemento do que foron as Irmandades da Fala porque aínda hai xente que descoñece quen é Vilar Ponte ou Porteiro Garea”.
“Hai bravas, hai soños, hai ganas, hai pobo, hai todo… iFala”, é o retrouso da canción que se sente dentro do autobús iFala que achega ao público desde hoxe o legado das Irmandades da Fala con linguaxe e medios novos.
Ademais do autobús coa exposición dentro, o proxecto conta cun aplicativo móbil e unha páxina web ademais de banda sonora propia, unha canción interpretada por un amplo grupo da nova creación galega: Poetarras, De vacas, Sés, Isabel Risco, Leo, David Amor, entre outros e outras.
O autobús abriuse por vez primeira o pasado día 21 de maio na Coruña, a cidade en que naceron as Irmandades da Fala, e igual que aquel movemento que se fundou hai agora cen anos, expandiuse por todo o país nesta primeira xeira de dunha ruta que terá continuidade despois do verán. Betanzos, Ferrol, Lalín, Lugo, Ponteareas, Pontevedra, Ribadeo, Vilagarcía de Arousa e Viveiro foron algunhas das citas do proxecto itinerante iFala que recalou de maneira especial naquelas localidades en que hai cen anos se constituíra un grupo das Irmandades da Fala.
Asociacións, editoriais e outras entidades colaboran na iniciativa, entre elas, a Mesa pola Normalización Lingüística, Asociación Cultural Auriense, Ourense, Asociación Cultural Vagalumes, A Estrada, Asociación Francisco Lanza, Ribadeo, Asociación Pensamento e sementeira, Viveiro, Asociación Roxin Roxal, Betanzos, Asociación Socio-Pedagóxica Galega , Confederación Intersindical Galega, Edicións Xerais de Galicia, Editorial Galaxia, Editorial SEPT, Instituto de Estudos Miñoranos, Ir Indo Edicións, Mesa pola Normalización, Seminario de Estudos Chairegos, Vilalba e Sociedade Cultural Medulio, de Ferrol.











