publicidade hoxe

A Pastoriza acolleu a presentación da quinta edición do Volante Deputación de Lugo

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA PastorizaLugo
A-
A+
Presentación do Volante Deputación de Lugo

Presentación do Volante Deputación de Lugo

O Deputado de Deportes, Pablo Rivera Capón, presentou este luns no circuíto de A Pastoriza, xunto co Alcalde do Concello, Primitivo Iglesias, a Tenente de Alcalde, Elba Carrera, e o director da Escuela PTC, Antonio Solórzano, a quinta edición do Volante Deputación, unha actividade formativa que pretende achegar o mundo da competición automobilística aos afeccionados lucenses.

O organismo provincial puxo en marcha no ano 2012, en colaboración co Concello de A Pastoriza e a Escuela de Perfeccionamiento y Técnicas de Conducción (Escuela PTC), esta iniciativa na que, ademais do compoñente formativo, destaca a oportunidade que se lle brinda aos participantes de competir por unha praza no Rallye San Froilán.

Rivera Capón destacou que “nos últimos anos, centos de afeccionados ao mundo do motor participaron no Volante Deputación de Lugo, unha actividade moi interesante, non só polo premio en xogo, senón tamén pola oportunidade que teñen de formarse a través de cursos de condución segura”.

O Deputado de Deportes aproveitou para “convidar aos lucenses a ser partícipes desta nova edición e, así, optar a ser o elixido para competir nunha proba histórica como é o Rallye San Froilán, que este ano cumprirá a súa 38 edición”.
O período de inscrición para participar nesta quinta edición da actividade abrirase este martes ás 9.00 horas e pecharase o vindeiro xoves ás 00.00 horas, estando as prazas limitadas a 185 competidores. Como novidade este ano, os interesados poderán participar totalmente de balde, só teñen que completar un formulario que atoparán na páxina web www.ptcescuela.com, ou no Facebook www.facebook.com/ptc.escuela, e envialo á dirección de correo electrónico piloto@ptcescuela.com.

Programa
Os días 23 e 24 de xullo os asistentes, despois de recibir formación en técnicas de condución, pasarán un proceso de selección cronometrado, do que resultarán elixidos 14 semifinalistas que continuarán con formación específica para afrontar unha segunda proba cronometrada, que determinará quen son os tres mellores. Destes, o mellor tempo (primeiro clasificado) será o piloto titular para participar no 38 Rallye San Froilán, que se celebrará os días 22 e 23 de outubro de 2016, quedando os outros dous clasificados como pilotos suplentes.

O tres recibirán antes da celebración de dita proba unha formación específica de competición, para que tanto o titular como os suplentes poidan afrontar a proba con todas as garantías. Esta formación divídese en varios apartados con cursos no circuíto, formación en toma de notas, test na estrada, etcétera.

Rematado todo este proceso, o piloto titular e o copiloto participarán dentro da estrutura do equipo de competición de PTC Escuela no Rallye San Froilán aos mandos dun Suzuki Swift Copa, con todos os gastos pagos, realizando test do vehículo de competición, adestramentos da proba e o propio rallye.

18 de xullo de 2016 | 18:20 • Sen comentarios

Comentarios pechados.