A feira agroecolóxica NaturaLugo celébrase do 22 ao 24 de setembro coincidindo co congreso internacional de SEAE
A Deputada de Medio Ambiente, Sonsoles López Izquierdo, presentou este venres a feira agroecolóxica NaturaLugo, que organiza o organismo provincial os días 22, 23 e 24 de setembro no Pazo de Feiras e Congresos, coincidindo co XII Congreso Internacional da SEAE que por primeira vez acolle a capital luguesa, reunindo a centos de expertos chegados de todo o mundo. Concello de Lugo e Asociación Provincial de Hostaleiros farán coincidir nas mesmas datas o concurso de tapas, no que haberá unha categoría especial: a ecotapa ecolóxica. O municipio habilitará ademais unha liña especial de autobuses para trasladar aos participantes dende o Pazo ao centro da cidade luguesa co obxectivo de dar a coñecer toda a riqueza da capital.
López Izquierdo subliñou que “aproveitando esta oportunidade económica, pois durante estes días recibiremos a centos de persoas en Lugo, decidimos celebrar esta feira para promocionar a riqueza agroecolóxica da nosa provincia e impulsar o traballo dos profesionais deste sector”. A Deputación achega 40.000 euros para a celebración de NaturaLugo e o Congreso Internacional de SEAE. “Concello de Lugo e Asociación Provincial de Hostaleiros tampouco deixan escapar esta oportunidade económica e súmanse á mesma, demostrando que xuntos somos máis fortes e podemos desenvolver grandes proxectos para dinamizar a economía lucense”, destacou.
Na presentación do evento, tamén participaron o Concelleiro de Desenvolvemento Sostible de Lugo, Daniel Piñeiro Villares; o Presidente da Asociación de Hostaleiros, Cheché Real; o director da Escola Politécnica Superior, Tomás Cuesta García, e o Vicepresidente da Asociación Española de Agricultura Ecolóxica (SEAE), Xan Neira.
60 stands en NaturaLugo
NaturaLugo terá lugar na pranta baixa do Pazo de Feiras e Congresos mentres na primeira se celebrará o congreso de SEAE. Na feira ubicaranse 60 stands, cuxo prezo é de 15 euros por metro cadrado, sendo moito máis vantaxoso con respecto aos custos habituais destas citas. O prazo de solicitude está aberto en info@naturalugo.com.
Concurso de tapas
Coincidindo co XII Concurso de Tapas de Lugo –que se celebrará do 9 ao 25 de setembro–, a Asociación de Hostaleiros da cidade E para comer Lugo creará unha categoría especial para premiar a ecotapa ecolóxica. Así, todos os establecementos que se inscriban nesta competición gastronómica terán a oportunidade de crear unha tapa con produtos ecolóxicos e optar ao premio que se entregará en paralelo ao Congreso e a Feira, o que permitirá, ao mesmo tempo, dar a coñecer estas actividades a todos os veciños da cidade.
Liña de autobuses
Do 20 ao 24 de setembro, Lugo converterase na capital internacional da agricultura ecolóxica coa presenza de centos de persoas especializadas do sector. Xunto ao congreso, realizaranse numerosas actividades entre as que se inclúen charlas, obradoiros, degustacións e presentacións de produtos. Aproveitando a afluencia de participantes no Congreso e en NaturaLugo, e tendo en conta ademais celebración do concursos de tapas, o Concello de Lugo habilitará unha liña especial de autobuses que recorrerá toda a cidade de Lugo.











