publicidade hoxe

A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado visita os campos de traballo de Betanzos e Curtis

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaBetanzosCurtis
A-
A+

A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cecilia Vázquez, visitou aos participantes nos campos de traballo de Betanzos e Curtis, que forman parte da Campaña de Verán da Consellería de Política Social. Ademais, a directora xeral aproveitou para saudar tamén aos mozos e mozas que participan nun curso de monitor de tempo libre que se está a celebrar en Betanzos.

Nesta cidade estase a desenvolver un Campo de restauración do 15 ao 26 de xullo. Os voluntarios realizan unha valoración e diagnose do estado da Fonte das Catro Estacións dos Xardíns do Pasatempo para redactar un proxecto de restauración, con limpeza e consolidación preventiva da fonte, limpeza e acondicionamento dos xardíns que a rodean e actividades de difusión e divulgación do proxecto.

No caso de Curtis, o Campo versa sobre a igualdade no medio rural e ten lugar do 20 ao 31 de xullo. Os voluntarios comezarán o seu labor desenvolvendo unha dinámica na rúa que serve de presentación da presenza do campo no municipio. De seguindo, realizarán un vídeo con veciños de Curtis con pequenas intervencións e opinións sobre o tema da igualdade para axudar a visualizar esta problemática. Tamén realizarán intervencións nos campamentos xuvenís, que concluirá con traballos de investigación sobre a igualdade no medio rural e unha exposición final.

Cecilia Vázquez destacou que “os campos de traballo contribúen á difusión de valores como a participación, a solidariedade, o coñecemento do contorno e o traballo en equipo entre os participantes”. Así mesmo, “fomentan a mobilidade, pois ofrecen aos mozos e mozas a oportunidade de tomar parte en campos doutras Comunidades e países”.

Son polo tanto recursos de gran valor xuvenil, nos que Galicia é a comunidade de referencia na materia. Cómpre destacar que o ano pasado Galicia organizou o 34% dos campos de traballo internacionais que se celebraron en toda España, segundo o balance realizado polo Injuve.

No total galego, na Campaña de verán toman parte 9.046 mozos e mozas, un 6 % máis que no ano anterior. As actividades están dirixidas a persoas entre 9 e 30 anos, e están divididas en actividades específicas para os distintos grupos de idade.

O departamento autonómico inviste 2,6 millóns de euros na posta en marcha destas actividades, que permitirán a contratación dunhas 900 persoas entre monitores e directores de tempo libre.

Na programación inclúense campamentos xuvenís para menores de 18 anos en Galicia e noutras comunidades autónomas; o uso en oferta concertada das instalacións xuvenís; as actividades para maiores de 18 anos; campos de traballo en España e no estranxeiro; e accións de reencontro con mozos e mozas descendentes de galegos residentes no exterior.

21 de xullo de 2016 | 17:38 • Sen comentarios

Comentarios pechados.