A Deputación de Pontevedra destina 238.500 euros ao programa “En ruta coa Depo 2016”

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaPontevedra
A-
A+

A Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra aprobou hoxe as bases reguladoras da primeira edición do programa “En ruta coa Depo 2016” e a adxudicación mediante procedemento aberto da xestión, desenvolvemento e execución do mesmo. O programa, cun orzamento de 238.500 € ofertará 18.346 prazas a entidades sociais da provincia para que poidan pasar un día de convivencia realizando unha ruta, incluíndo xantar e transporte, pola provincia de Pontevedra acompañadas dun guía habilitado especializado en Galicia.

“En ruta coa Depo” pretende crear espazos de unión e convivencia para as diferentes entidades participantes, promovendo a igualdade de acceso ós recursos, especialmente a aquelas persoas con diversidade funcional, así como actividades alternativas de ocio e de tempo de lecer para a xuventude, promovendo o asociacionismo xuvenil, o ocio dinámico e saudable e impulsando a conciliación familiar e laboral durante as fins de semana ou estancias estivais.

A Deputación de Pontevedra ofertará este programa a través de Viajes El Corte Inglés, a empresa con maior puntuación no concurso de adxudicación para o desenvolvemento e execución de “En ruta coa Depo 2016”, que será responsable da súa execución, coordinación e avaliación e que disporá de persoal especializado, con atención ao público vía telefónica para calquera dúbida que puidese xurdir. A empresa ofertará un mínimo de 18 rutas por lugares emblemáticos da provincia de Pontevedra.

As entidades solicitantes poderán pedir un mínimo dun autocar e un máximo de dous, co fin de dar conta a todas as solicitudes, e escoller por orde de preferencia tres rutas, das que se lles concederá unha.

O prazo de inscrición no programa será de 20 días naturais contados a partir do día seguinte ó da publicación da convocatoria no BOPPO. As interesadas e interesados deberán presentar a solicitude no rexistro xeral da Deputación ou en calquera das oficinas de rexistro da institución provincial. O programa será outorgado atendendo á orde de rexistro de entrada das solicitudes e atendendo ás entidades sociais inscritas no Rexistro Único de Entidades Prestadoras de Servizos.

8 de xullo de 2016 | 18:18 • Sen comentarios

Comentarios pechados.