A Deputación de Ourense presenta unha páxina web dedicada ao servizo de recollida de lixo
A Deputación de Ourense presenta unha páxina web que recolle toda a información relativa ao servizo de recollida de lixo nos concellos da provincia de Ourense adheridos aos convenios entre administracións (limpourense.depourense.es) co obxectivo de “proporcionar información clara e estruturada dos diferentes datos nesta materia que o goberno provincial xestiona, tales como infraestruturas, medios, proxectos realizados, datos de recollida, entre outros aspectos”, afirmou o deputado provincial de Cooperación, Pablo Pérez, na presentación do novo portal web, que tivo lugar esta maña no Pazo Provincial, acompañado polo xefe de sección de Residuos e Enerxía da Deputación, Miguel Reza.
Na actualidade, a Deputación de Ourense “xestiona en réxime de competencia delegada, o servizo intermunicipal de recollida de lixo en diferentes puntos da xeografía ourensá. A maiores encárgase da xestión dos servizos complementarios intermunicipais delegados de recollida selectiva e dos puntos limpos, así como de servizo supramunicipal de transferencia de residuos sólidos urbanos e servizo provincial de lavado de contedores”, explicou Pablo Pérez.
Este portal web interactivo responde aos “obxectivos marcados no Plan Provincial da Rede de Municipios Ourensáns cara a Sostenibilidade, ofrecendo un espazo de información para os técnicos das administracións e aos habitantes da provincia de Ourense”, asegurou o deputado provincial de Cooperación.
En canto aos aspectos técnicos desta plataforma dixital, Pablo Pérez dixo que “os usuarios poderán visualizar a páxina en galego, castelán e inglés. A estética da web atende estritamente aos criterios recollidos no “Manual básico de imaxe corporativa” da Deputación de Ourense”. Asemade o portal “ten capacidade para representar, tratar e albergar toda a información achegada en datos e en puntos xeográficos e, será compatible cos navegadores actuais sendo posible consultar a páxina desde tódolos dispositivos móbiles”.
Pola súa parte, Miguel Reza salientou que “a estrutura e arquitectura desta web resulta de fácil manexo para que todos os usuarios poidan acceder á toda información relacionada con este servizo”.











