A Deputación de Ourense aprobou 290.000 euros en axudas para cultura, medio ambiente e infraestruturas
A Xunta de Goberno da Deputación de Ourense celebrada esta mañá no Pazo Provincial aprobou axudas por importe total de 292.087,64 euros destinados a concellos e asociacións da provincia de Ourense para actuacións relativas a temas de infraestruturas, medio ambiente e cultura. Así o informou a deputada de Transparencia e Goberno Aberto da Deputación de Ourense, Montserrat Lama, quen deu conta dos acordos da Xunta de Goberno correspondente ao venres 15 de xullo.
En concreto, a Xunta de Goberno da Deputación aprobou tres axudas á Diocese de Ourense, destinadas todas elas, ao arranxo da cuberta de Igrexas parroquiais no termo municipal de Muíños. En concreto, para a de San Pedro de Fornadeiros e para de Santa María de Souto de Limia, 6.000 euros cada unha, e para a de Santiago de Couso de Salas, 3.000 euros.
No eido cultural, aprobou unha axuda de 30.000 euros para a Fundación Cultural Privada Otero Pedraio e outra por importe de 6.000 euros para Orfeón Unión Orensana, ambas destinadas a gastos de funcionamento e mantemento das entidades correspondentes ao ano 2016 e ao ano 2015, respectivamente. E, no relativo a temas medioambientais, aprobou unha axuda para Unións Agrarias – UPA, de 1.950 euros, para un curso de manipulador – aplicador de produtos fitosanitarios de nivel básico.
Por outra banda, a Xunta de Goberno da Deputación de Ourense aprobou oito axudas para concellos da provincia, sendo dúas delas para o Concello de Baltar destinadas á realización de reparacións de accesos municipais por importe de 100.000 euros e para realizar melloras e novo equipamento para o servizo dos usuarios da piscina municipal por 50.000 euros. O Concello de Bande recibirá 16.357, 64 euros para a renovación da capa de cobertura da Casa Consistorial. Para o Concello da Bola aprobou dúas axudas, unha de 10.000 euros destinadas ás terceiras xornadas sobre Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible, e outra de 15.000 euros para a implantación dunha liña de autobús que prestará servizo tres días á semana coa finalidade de facilitar aos veciños o seu desprazamento ao centro de saúde, ao consistorio ou enlazar coas liñas de transporte que comunican con Celanova.
Para o Concello de Padrenda aprobou unha axuda de 25.000 euros destinados á realización de traballos medioambientais como o acondicionamento e limpeza das marxes e entorno de camiños municipais e prazas públicas nas parroquias de Condado, Desteríz, Lavandeira, Gorgua, Monterredondo, San Pedro e San Roque de Crespos. O Concello de Pontedeva recibirá 10.280 euros para a redacción do proxecto da urbanización O Valiño e, para o Concello de San Cristovo de Cea, unha axuda de 12.500 euros para realizar actuacións en Oseira que permitirán dotar a este núcleo dunha nova captación de auga potable e acondicionar o palco de música existente na Carballeira de Casledo.
Na xuntanza ratificouse o convenio de colaboración que a Deputación de Ourense mantén coa Fundación Feiras e Exposicións de Ourense e que supón unha achega de 25.500 euros para a realización de diversas actividades, entre as que figuran a feira do maior, Galisenior; a celebración do salón Termatalia en México; e a feira de produtos funerarios, Funergal.
Asemade a Xunta de Goberno aprobou a modificación do Plan provincial de cooperación ás obras e servizos municipais e da rede viaria provincial do exercicio 2016, relativa ás obras municipais do Concello de Ribadavia, concretamente na ponte romana de Francelos.
Pola súa banda, o Concello de Castro Caldelas pasará a formar parte das institucións municipais adheridas ao Convenio de cooperación entre a Deputación e os concellos da provincia para a prestación do servizo de inspección dos tributos municipais para o período 2016-2019.
Por último, a deputada provincial lembrou ás vítimas do atentado acontecido esta pasada noite en Niza asegurando que “seguimos na loita conxunta contra este tipo de barbaries”, e expresou, en nome da Deputación de Ourense, as súas máximas condolencias a todas as familias dos falecidos neste último atentado terrorista. O goberno provincial concentrouse esta mañá na entrada do Pazo Provincial para gardar un minuto de silencio en recordo de todas as vítimas.











