publicidade hoxe

A Deputación de Lugo promociona os produtos pesqueiros da Mariña colaborando coa VII Festa do Marisco

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaBurelaCalendarioLugo
A-
A+
Presentación da Festa do Marisco en Burela

Presentación da Festa do Marisco en Burela

O Presidente da Deputación, Darío Campos Conde, o Alcalde de Burela, Alfredo Llano, o director comercial do Grupo El Progreso, José María Álvarez Vilabrille, o delegado na Mariña de dito medio de comunicación, Xabier Lombardero, entre outras autoridades, presentaron este xoves a sétima edición da Festa do Marisco. Trátase da cita gastronómica que organiza El Progreso, coa colaboración de institucións e establecementos, que terá lugar na localidade burelesa os días 13 e 14 de agosto.

Campos Conde felicitou aos organizadores desta “cita xa consolidada na Mariña” e destacou que “xuntos, medios de comunicación, institucións e profesionais de todos os sectores contribuímos ao impulso da pesca e dos produtos autóctonos, dinamizando a económica da nosa provincia”.

“Compartimos as apostas desta cita”, subliñou o Presidente, pois a Deputación achega 89.000 euros á promoción de produtos autóctonos a través de citas gastronómicas que se celebran en Concellos de toda a provincia, como por exemplo a do Berberecho de Foz, a Faba de Lourenzá ou a Merluza de Viveiro, entre outras moitas na Mariña; ao tempo que concede axudas de ata 25.000 euros a todas as confrarías de pescadores e asociacións de mariscadoras da Comarca, ademais das subvencións de máis de 100.000 euros para mellorar as embarcacións dos profesionais da pesca de baixura.

Tíckets dispoñibles

Este ano o Concello de Burela é o anfitrión da Festa do Marisco, que é de carácter rotatoria, pois cada edición ten lugar nun Concello da Mariña. En pasadas convocatorias, celebrouse nos Concellos de Cervo, Viveiro, Foz e Barreiros.

Unha carpa de máis de 1000 metros cadrados, situada na explana do Concello de Burela, acollerá os días 13 e o 14 de agosto a celebración da VII Edición da Festa do Marisco, que pode albergar ata 600 persoas. O horario deste evento é dende ás 12:00 ata ás 24:00 horas ininterrompidamente.

Cada ración, para dúas persoas contén; 1 centolo, 2 bois de Francia, 2 nécoras, 4 cegalas e mexillóns. Os tíckets teñen un custe de 25 euros en venta anticipada, e 27 euros na taquilla. Poden retirarse nas Delegacións do xornal El Progreso da Mariña, no Restaurante Palacio de Cristal e na Oficina de Turismo de Burela. As dúas xornadas festivas estarán amenizadas con música tradicional galega.

29 de xullo de 2016 | 17:52 • Sen comentarios

Comentarios pechados.