A Deputación da Coruña promove a profesionalidade da atención turística en máis de cincuenta concellos

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Coruña
A-
A+

Máis de cincuenta concellos de menos de 50.000 habitantes da provincia son os beneficiarios da liña de axudas da área de Turismo da Deputación para contratar informadores e informadoras turísticas creada co fin de contribuír de forma decidida á profesionalidade do sector.

Un total de 52 concellos, dos cales 6 fixérono de forma agrupada, concorreron á nova liña de subvencións da área de Turismo da Deputación da Coruña dirixida a contratar informadores e informadoras turísticas para os concellos de menos de 50.000 habitantes.

“Esta nova liña contribuirá á profesionalidade do sector turístico tamén en concellos medianos e pequenos que sen este apoio da Deputación non poderían contratar persoal especializado para un sector de vital importancia como é o turístico”, sinalou o deputado responsábel da área, Xosé Regueira.

Os obxectivos da convocatoria son, por un lado, potenciar a proxección do turismo nos concellos e, polo outro, a creación de novos postos de emprego para persoal formado especificamente en materia de turismo. O fortalecemento das oficinas de turismo con persoal durante a tempada alta, ademais de poder alongar no tempo o persoal adicado a estas actividades de promoción local é unha das liñas de especial interese para o departamento de Turismo da Deputación da Coruña.

A esta primeira convocatoria, que se resolverá en breve, presentáronse un total de 52 concellos. Vilasantar, Boimorto e Sobrado por unha banda e Val do Dubra, Negreira e A Baña por outro optaron á subvención de forma agrupada, sumando esforzos de concellos de pequena dimensión co fin de ofrecer de maneira conxunta o servizo profesionalizado.

O reparto de orzamentos da convocatoria responde a criterios obxectivos, valorando en grande medida o esforzo que os pequenos concellos realizan para promover, poñer en valor e difundir o seu territorio cunha partida orzamentaria, oficina de turismo e plans de accións turísticas propias.
Nesta primeira convocatoria, a área de Turismo adxudicará subvención a todos os concellos que se presentaron cun reparto que se dará a coñecer na resolución que se fará pública nos vindeiros días.

1 de xullo de 2016 | 18:26 • Sen comentarios

Comentarios pechados.