A Consellería do Mar presenta no Xufre o proxecto técnico das obras de construción de pantaláns pesqueiros e mexilloeiros
A Consellería do Mar vén de presentar sendos proxectos técnicos para a execución das obras de construción dos pantaláns para embarcacións pesqueiras e mexilloeiras no peirao do Xufre, no municipio pontevedrés da Illa de Arousa. A conselleira Rosa Quintana, acompañada polo presidente de Portos de Galicia, José Juan Durán, presentou esta mañá o proxecto ao sector profesional da localidade e os representantes municipais.
Rosa Quintana informou de que o investimento global previsto para ambas actuacións é de preto de 5,5 millóns de euros e explicou que os pantaláns darán servizo a 308 embarcacións pesqueiras e 126 mexilloeiras. Esta capacidade dá resposta á demanda actual de prazas e reserva prazas dispoñibles para cubrir as necesidades futuras.
A titular de Mar lembrou tamén que con esta dotación completarase o compromiso de dar resposta ás necesidades do sector profesional do Xufre que se iniciou coa ampliación do porto e a dotación de abrigo, nas que se investiron 4,3 millóns de euros.
En canto aos prazos de tramitación previstos, Quintana anunciou que nas vindeiras semanas o DOG publicará o inicio da licitación das obras de construción dos pantaláns para embarcacións pesqueiras. Dende Portos de Galicia, encargado da tramitación administrativa do proxecto, estimase que poderán estar contratadas a principios do vindeiro ano.
Finalmente, Quintana subliñou que a Consellería do Mar seguirá avanzando no seu compromiso de ordenación do peirao do Xufre coa licitación nos vindeiros meses das obras de construción de pantaláns para 4ª lista (embarcacións mexilloeiras).
Visita confrarías A Illa e Cambados
Ademais esta mañá a conselleira do Mar visitou a confraría da Illa de Arousa e mantivo unha reunión cos seus representantes e hoxe tamén visitará e se reunirá cos representantes da confraría de Cambados. O obxectivo destas visitas é coñecer de primeira man as súas necesidades.