A consellería do Mar impartirá 120 cursos adaptados ás necesidades do sector por todo o litoral galego

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaVigo
A-
A+
Rosa Quintana visita as instalacións do Instituto Politécnico do Atlántico

Rosa Quintana visita as instalacións do Instituto Politécnico do Atlántico

A conselleira do Mar, Rosa Quintana, acompañada pola directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, Susana Rodríguez, visitou este mediodía as instalacións do Instituto Politécnico Marítimo Pesqueiro do Atlántico de Vigo. Alí destacou o valor deste instituto, que é Centro de Referencia Nacional na área profesional de Pesca e Navegación dende o 2015, e explicou que, a maiores da formación ofrecida nos centros dependentes da Consellería do Mar entre outubro de 2016 e novembro de 2017 a Xunta impartirá máis de 120 cursos nos diferentes portos de Galicia e na aula de seguridade de Ferrol.

Este tipo de formación, sinalou, responde ás necesidades formativas do sector e a ela a Xunta destina arredor de 800.000 euros cofinanciados co Fondo Europeo e Marítimo da Pesca. Entre eles haberá cursos de mariñeiro pescador, de formación básica en seguridade, de patrón local de pesca, de formación sanitaria e de operador do Sistema mundial de socorro e seguridade marítimos restrinxido (GMDSS). Tamén se contemplan cursos avanzados de loita contra incendios e de embarcacións de supervivencia e botes de rescate non rápidos.

Neste sentido, destacou a aposta decidida da Xunta pola formación e lembrou que este ano a Consellería do Mar destina máis de 2,5 millóns de euros aos centros de ensino náutico-pesqueiro e ás accións formativas en portos. O obxectivo, expuxo, é seguir mellorando a estrutura da formación como vía para avanzar no relevo xeracional e para dotar ao sector pesqueiro, marisqueiro e acuícola de sustentabilidade e competitividade.

Por outra banda, destacou que nos últimos anos medraron de forma importante as matrículas. Así, explicou, o alumnado das escolas náutico-pesqueiras e do Instituto Galego de Formación en Acuicultura medrou nun 46% desde 2009. Neste período, a media anual de matriculados subiu nun 32% con respecto á etapa anterior 2005-2008, xa que dunha media de 375 matriculados pasouse a 497.

En relación ao ano 2015 lembrou que preto de 4.400 alumnos e alumnas se beneficiaron das accións formativas regradas e non regradas impartidas nos centros dependentes da Administración pesqueira e en portos e noutras instalacións.

O Instituto Politécnico do Atlántico

O Instituto Politécnico Marítimo Pesqueiro do Atlántico de Vigo creouse no 1965 para impartir as ensinanzas profesionais náutico-pesqueiras. É un dos catro centros de ensino da Consellería do Mar nos que se imparte formación regrada (ciclos formativos) e tamén formación non regrada (cursos que adoitan ser de menor duración e que se imparten atendendo ás necesidades formativas do sector nos centros e nos portos).

Entre as súas instalacións conta con diferentes aulas de debuxo, electricidade, redes, pneumática e hidráulica, seguridade, simuladores de pesca, navegación, motores. Tamén conta con laboratorio e con obradoiros de soldadura, torno e axuste, caldereiría e motores e máquinas, entre outros. En relación ao equipamento, Rosa Quintana, subliñou durante a visita que a Consellería do Mar continuará instalando equipos e programas informáticos necesarios para o simulador de navegación neste centro. Ademais este instituto ten á súa disposición o buque escola Valentín Paz Andrade e conta con residencia para o alumnado.

Visita ás confrarías de Vigo e Arcade

Ademais na xornada de hoxe a conselleira do Mar, acompañada pola directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, continuará coa rolda de visitas ás confrarías de Pescadores. A partir das 13:30 horas visitará a confraría de Vigo e manterá unha xuntanza cos seus representantes e pola tarde, ás 17:00 horas fará o mesmo na confraría de pescadores de Arcade, no concello de Soutomaior. O obxectivo destas visitas é coñecer de primeira man as súas necesidades.

26 de xullo de 2016 | 17:11 • Sen comentarios

Comentarios pechados.