publicidade hoxe

A consellería de Medio Ambiente construirá unha Edar e unha rede de colectores en Cabanas

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCabanas
A-
A+

A Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio investirá máis de 235.000 euros en mellorar a rede de saneamento do concello de Cabanas, especialmente nos seus núcleos rurais. Así o explicou hoxe a titular deste departamento autonómico, Beatriz Mato, que se desprazou ata a localidade para dar conta dos detalles desta colaboración.

Así, precisou que o obxectivo do proxecto, que se licitará mañá mesmo, é ofrecer un novo servizo de saneamento as vivendas que se sitúan na aldea de Lavandeira. Ademais, realizaranse as obras necesarias para posibilitar a futura conexión á rede de saneamento das vivendas dos lugares de Porcar, Piñeiros, Ameneiros, Horta e Someiro. Para conseguilo, construirase unha nova EDAR que garanta unha depuración suficiente previa a vertedura; e executarase unha rede de colectores para levar as augas residuais a esta nova depuradora. Os traballos darán servizo a máis de 120 habitantes equivalentes.

Mato salientou que este esforzo súmase aos preto de 1,8 millóns de euros que o departamento autonómico xa ten investido en actuación hidráulicas en Cabanas desde 2009. En concreto, destináronse 1,58 millóns á dotación de abastecemento no polígono industrial de Vilar do Colo, e 200.000 euros para os lugares de Rego e Chao de Aldea.

Todo isto inscríbese na “firme aposta” do Goberno galego a prol do abastecemento e saneamento, un compromiso que ten dado como resultado unha mellora da calidade das augas en toda Galicia. Con todo, Mato asegurou que a Xunta seguirá traballando arreo “para conseguir que o 100% das masas de auga de Galicia sexan da máxima calidade”.

Colaboración en materia de urbanismo

Por outra banda, Mato aproveitou a súa visita a Cabanas para sinalar que os técnicos do departamento están estudando actualmente un proxecto de colaboración en materia de urbanismo presentado polo concello.

En concreto, o proxecto busca mellorar a accesibilidade do contorno da Igrexa de San Andrés, a través dun investimento duns 90.000 euros. Aínda que a proposta aínda está en fase de análise por parte da Xunta, a conselleira adiantou que a valoración inicial é “positiva”.

19 de xullo de 2016 | 17:32 • Sen comentarios

Comentarios pechados.