publicidade hoxe

A Consellería de Mar convoca 100 prazas de residencia e comedor para os seus centros de formación de Vigo e Ferrol

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaFerrolVigo
A-
A+

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a convocatoria de 125 prazas de residencia e comedor para o Instituto Politécnico Marítimo-Pesqueiro do Atlántico de Vigo e para a Escola Oficial Náutico-Pesqueira de Ferrol.

Destas prazas 70 son para o centro de Vigo, 65 en réxime de pensión completa e 5 en réxime de media pensión e xantar (dan dereito a xantar na sala de comedor do centro). O resto son para a escola de Ferrol e delas 45 son en pensión completa e 10 en media pensión e xantar.

Poderán beneficiarse delas o alumnado que, durante o curso escolar, estea matriculado nos centros de formación dependentes desta consellería e realice os estudos de Ciclos formativos de grao medio e superior da familia profesional marítimo-pesqueira e de Capitán de pesca, patrón costeiro polivalente, patrón local de pesca e mariñeiro pescador.

Os interesados en solicitalas poderán consultar os requisitos na orde que publica hoxe o DOG. As solicitudes deberán presentarse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia
(https://sede.xunta.es). Tamén se poderán presentar as solicitudes en soporte papel utilizando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

O prazo de presentación das solicitudes será de quince días contados desde o seguinte ao da publicación desta orde. No caso de existir prazas vacantes, establécese un prazo extraordinario de presentación de solicitudes para o caso dos ciclos formativos que será do 23 ao 30 de setembro.

Prezos públicos

As persoas beneficiarias das prazas estarán suxeitas aos prezos públicos previstos na normativa. Estas contías tamén saen publicadas hoxe no DOG xunto coas de matrícula nos cursos na Aula de Seguridade e Salvamento de Ferrol. Os interesados poden consultalas no seguinte enlace.

15 de xullo de 2016 | 16:42 • Sen comentarios

Comentarios pechados.