publicidade hoxe

A consellería de Educación destina 278.700 euros a obras de mellora en centros escolares en Monforte de Lemos

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaMonforte de Lemos
A-
A+

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria vai investir arredor de 278.700 euros tan só neste ano en importantes obras no IES Daviña Rei e no IES A Pinguela, ambos os dous en Monforte. Así o deu a coñecer esta mañá o conselleiro de Cultura e Educación, Román Rodríguez, nunha visita a ditos centros.

Estas actuacións enmárcanse dentro do compromiso da Consellería de Cultura coa mellora das infraestruturas educativas en xeral, e co Concello de Monforte en particular, con actuacións nos dous institutos hoxe visitados polo conselleiro.

IES Daviña Rei

No IES Daviña Rei, a Consellería vai acometer unha obra de reforma e ampliación dos talleres para dar servizo ao ciclo de FP de Automoción, por un importe de 220.000 euros. As reformas levaranse a cabo na aula de automoción, na planta soto, co fin de albergar un “plano aspirante” (plataforma para traballos de chapa e pintura que permite aspirar o po que se solta ao lixar). Así mesmo construirase unha entreplanta enriba das aulas de automoción e mecanizado para acoller novas aulas.

A actuación -que está previsto que comece en setembro- tamén abrangue a renovación das instalacións de iluminación, electricidade e calefacción; e a construción de dous accesos para persoas con mobilidade reducida: un deles ás novas aulas da entreplanta e outro mediante unha rampla ao edificio principal.

Esta obra enmárcase dentro do Plan de Infraestruturas 2016-2020, no que se inclúe un apartado específico para a ampliación e dotación de aulas e talleres coa finalidade de continuar coa implantación da FP Básica e de novos ciclos formativos.

IES A Pinguela

No IES A Pinguela lévanse a cabo catro actuacións por un importe total de 58.700 euros. A obra máis importante é a dotación de aseos para minusválidos, que está en fase de proxecto. Para tal fin acometerase unha reforma da primeira planta, cunha nova distribución que permita acoller este novo espazo, na que se investirán 25.000 euros.

Outros 23.280 euros van destinados a colocar unha grande estrutura de aluminio e cristal na escaleira principal de acceso ás distintas plantas. Esta estrutura, que substituirá á agora existente, atópase en fase de construción en taller e está previsto que estea colocada nunhas semanas.

Así mesmo, xa está rematada a instalación eléctrica do planetario, e a fontanaría dos vestiarios, obras que se farán este mes de agosto e que absorben un orzamento de máis de 10.400 euros.

Investimentos para as comarcas de Lemos e Chantada

A Consellería de Cultura e Educación investirá ao longo deste verán e outono un total de medio millón de euros en obras de mellora de once centros educativos das comarcas de Lemos e Chantada. Todas estas actuacións contémplanse no Plan da Consellería de Dotación de Infraestruturas Educativas 2016-2020 e dos recursos obtidos a través do Fondo de Superávit de Responsabilidade (co que o Goberno central recompensa a Galicia por ter cumprido o obxectivo de déficit). Os investimentos para toda a provincia de Lugo superan os 6,8 millóns de euros no ano 2016.

No conxunto de Galicia o investimento ascende a máis de 39,7 millóns de euros, cos que se realizarán 683 actuacións en 527 centros de ensino de 219 concellos de toda a xeografía galega.

27 de xullo de 2016 | 20:05 • Sen comentarios

Comentarios pechados.