A consellería de Cultura e Educación fai balance con COGAMI do proxecto ‘En-red-arte’

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLugo
A-
A+
Román Rodríguez na visita ao centro de Cogami en Lugo

Román Rodríguez na visita ao centro de Cogami en Lugo

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, visitou hoxe o centro da Confederación Galega de Persoas con Discapacidade (COGAMI) na cidade lucense, onde se reuniu cos representantes desta entidade para facer balance da actividade realizada ata o momento ao abeiro do programa ‘En-Red-Arte’, desenvolvido ao abeiro do convenio asinado entre a Consellería e a Confederación.

Neste sentido o presidente de COGAMI, Anxo Queiruga, explicoulle ao conselleiro que 226 usuarios teñen participado nos 20 talleres e actividades que xa se celebraron no marco desta iniciativa, dos que na provincia de Lugo realizáronse talleres en Lugo, Monterroso, A Mariña e Monforte de Lemos. Neste sentido ambos consideraron moi positivo o desenvolvemento do programa ata o momento, e avaliaron a posibilidade de poñer en marcha outras iniciativas para avanzar na plena integración dos colectivos integrados en COGAMI.

Cómpre sinalar que, ademais deste ‘En-Red-Arte’, a Consellería de Cultura e Educación ten vixente outro convenio de colaboración con esta entidade para o desenvolvemento de accións de formación permanente do profesorado e de sensibilización e elaboración de materiais didácticos que permitan un maior e mellor coñecemento das circunstancias específicas asociadas á discapacidade. Nesta mesma liña, ambas as partes asinaron tamén un convenio a través do cal a Consellería se compromete a convidar aos centros educativos a conmemorar cada 3 de decembro o Día Internacional das Persoas con Discapacidade e, deste xeito, axudar á concienciación neste eido.

Estas iniciativas enmárcanse no compromiso do departamento educativo da Xunta de Galicia coa inclusión educativa e cultural de todos os colectivos e alumnos, independentemente das súas circunstancias particulares, en prol da xustiza social e da consecución dunha sociedade tolerante e respectuosa coa diversidade.

Durante o seu percorrido polo centro lucense de COGAMI acompañaron tamén ao conselleiro e a Anxo Queiruga o presidente da Federación de COGAMI Lugo, José Luis Lolo; e o director do centro de recursos, Juan Gude.

Cultura sen barreiras

O proxecto ‘En-Red-Arte’ está deseñado co fin de proporcionarlles ás persoas con discapacidade a posibilidade de vivir experiencias culturais que teñan unha incidencia positiva na súa aprendizaxe, e que lles permita desenvolver a súa curiosidade, a formación do gusto e o seu sentido estético e crítico. Ao mesmo tempo, preténdese incentivar entre este colectivo o hábito de frecuentar actividades e eventos culturais, romper conceptos autolimitantes da actividade cultural e estimular a capacidade de superación persoal, entre outras.

Para lograr estes obxectivos lévanse a cabo distintos obradoiros de artes plásticas, de fotografía artística, de escritura creativa, de teatro, de música tradicional e popular, e de danza contemporánea. Todos eles están pensados para que os participantes –un total de 200 beneficiarios previstos– acaden unha base de coñecementos na materia concreta e, a partir de aí, fomentar o seu espírito creativo e artístico en cada unha das materias que se tratan, tendo en conta os gustos persoais de cada quen.

As actividades teñen lugar nos centros de recursos de persoas con discapacidade e asociacións de membros da entidade, así como tamén nos espazos formativos que COGAMI emprega habitualmente.

27 de xullo de 2016 | 19:07 • Sen comentarios

Comentarios pechados.