A conselleira de Medio Ambiente aposta por modelos produtivos que primen a economía circular e convertan os residuos en recursos

Intervención da conselleira de Medio Ambiente durante a xornada
A conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, Beatriz Mato, defendeu esta mañá a implantación progresiva de modelos produtivos que primen a economía circular e convertan os residuos en recursos. Así o puxo de manifesto esta mañá na xornada sobre a visión dos sectores empresariais galegos ante o desenvolvemento sustentable, un foro de debate e diálogo que representa unha oportunidade para o intercambio de opinións e experiencias.
Recordou que a Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental vén de abrir o proceso de participación pública para a elaboración da Estratexia de Sustentabilidade Ambiental, polo que esta consultas –xunto cos foros de diálogo como o celebrado hoxe- permitirán elaborar un borrador coas principais conclusións do proceso de participación pública da Estratexia de Sustentabilidade Ambiental.
Por outro lado, destacou que o coñecemento das preocupacións do sector, en relación co medio ambiente, así como o diagnóstico e a opinión sobre o traballo que se pode facer para protexer a nosa contorna definirán un documento completo e común no que se recollan as cuestións de maior interese e a principais eivas dende as que avanzar. Engadiu que esta mesa de traballo –ao igual que a celebrada esta mesma semana na Coruña- permite coñecer de primeira man a opinión dos sectores do mar, mobilidade e construción.
Nese sentido, apelou á participación da sociedade en xeral nun dos grandes obxectivos da Consellería, como é a Estratexia de Sustentabilidade Ambiental, ou o que é o mesmo “a folla de ruta que converta a Galicia nun referente na loita contra o cambio climático e na protección e coidado do medio ambiente.
Nese sentido, Beatriz Mato sinalou que conseguir que a sociedade sexa plenamente sostible é a única garantía de futuro; polo que “hoxe hai que traballar con compromiso, responsabilidade e rigor, para non hipotecar o futuro das xeracións do mañá”.
A conselleira de Medio Ambiente recordou que na actualidade hai signos evidente de que o planeta esixe solucións ás repercusións que traslada o modelo de economía lineal tradicional. Engadiu que “este é momento de apostar por novas fórmulas”, como a economía baixa en carbono, a cultura da reciclaxe, ou a eco-innovación; “unha aposta por fontes de enerxía limpas e renovables”. É dicir, converter os residuos en recursos con novas opcións que non só serán beneficiosas coa contorna, senón que tamén abrirán un amplo abano de oportunidades económicas: fomentando a innovación, favorecendo o emprendemento e contribuíndo, en definitiva, á xeración de emprego e de riqueza, ao tempo que se protexe o medio ambiente.











