A comisión de Cultura da Deputación de Ourense abordará a fixación de prezos públicos da Escola Provincial de Danza 2016-2017

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaOurense
A-
A+

As comisións informativas da Deputación de Ourense celebran as súas reunións hoxe mércores, 20 de xullo e mañá xoves, 21 de xullo, no Pazo Provincial. Nas xuntanzas de hoxe celebraranse as comisións de cooperación, facenda e transparencia, sendo a quenda das de cultura, termalismo e igualdade, ao día seguinte.

Mañá xoves, na comisión de Cultura, Deportes e Mocidade abordarase a fixación de prezos públicos da Escola Provincial de Danza para o curso 2016-2017. Neste apartado falarase da programación anual da Escola de Danza que, para o vindeiro curso, contempla as seguintes actividades: baile tradicional, canto tradicional e pandeireta, música para grupos de acompañamento de baile tradicional, obradoiro de xogos populares, e talleres de tecido tradicional. A matrícula poderá formalizarse desde o día 1 de setembro ata o día 31 de outubro.

En canto ao prezo das actividades é de 40 euros en concepto de matrícula. No caso de varios membros da mesma unidade familiar, o primeiro membro pagaría 40 euros pola matrícula e os demais 15 euros cada un deles. Por outra banda, aos alumnos que sexan desempregados ou fillos de desempregados, aplicaríaselle unha bonificación do 100%. O prezo público por cada taller de tecido tradicional en teares é de 55 € en concepto de matrícula.

A programación dos diferentes cursos ofertados estará dispoñible para todos os interesados nas dependencias da propia Escola.

Outro dos asuntos a tratar na xuntanza será a fixación de prezos de venda ao público das publicacións que editará a Deputación de Ourense entre as que se atopa a obra, Dos estranos ollos de Damaluar e das aventuras que lle sucederon o día que desapareceron as súas zapatillas (XIII Premio Pura e Dora Vázquez), de Montserrat Pis Marcos, que terá un prezo de 6 euros por libro.

Na comisión de Termalismo, Turismo e Medio Ambiente, tratarase a ordenanza fiscal para o establecemento e regulación das taxas pola prestación dos servizos de pesada en báscula industrial e punto de almacenamento temporal de residuos de construción e demolición no complexo medioambiental da Baixa Limia, de titularidade do Concello de Muíños.

En canto ás reunións que se celebrarán esta tarde, na comisión Especial de Contas e de Facenda e Economía abordarase a solicitude ao Ministerio de Facenda e Administracións Públicas de delegación da inspección do Imposto sobre Actividades Económicas (IAE) dos municipios de Lobios e A Veiga. Asemade, na xuntanza, darase conta da información de avaliación do Plan estratéxico de axudas do ano 2015 e tratarase o expediente de modificación de crédito nº 4/2016 que ascende á cifra total de 2.770.683,08 euros.

Na comisión de Cooperación, Infraestruturas e Medio Rural abordaranse dúas expropiacións forzosas, unha para a execución da obra de mellora da estrada provincial “OU-0415 Brués-Portela da Cruz, no municipio de Beariz e, a outra, para a execución da obra “acondicionamento camiño rural Hedrada-OU 0604”, no municipio de Parada de Sil.

Na comisión de Transparencia e Administración Provincial tratarase a resolución das reclamacións formuladas e a aprobación definitiva da Relación de Postos de Traballo da Deputación para o exercicio 2016.

20 de xullo de 2016 | 17:55 • Sen comentarios

Comentarios pechados.