A Asociación Down Ourense recibe a visita do campión da NBA Glen Rice
O exxogador estadounidense da NBA Glen Rice -tres veces All-Star e campión cos Lakers no ano 2000- visitou este xoves á Asociación Down Ourense, onde respondeu a preguntas e curiosidades de novos que o recibiron emocionados.
Esta visita realizouna da man de BBVA, nun encontro na cidade das Burgas no que tamén estiveron Rafael Cabezas e Concepción Estévez, representantes de Down; o director do Centro de Banca de Empresas e Corporacións de BBVA en Ourense, Miguel Pérez Villayandre; e o director do Centro de Banca de Clientes de BBVA en Ourense, Javier Muñiz.
Segundo informa a organización do evento nun comunicado, ademais da visita á Asociación Down Ourense, Rice – que posúe o noveno mellor rexistro na historia da NBA en triplos convertidos, con 1.559- realizou un adestramento con máis de 100 nenos no Pavillón Os Remedios.
Ourense é unha das catro cidades elixidas polos internautas para levar a cabo unha das paradas da xira da NBA en España, nun cita na que Glen Rice estivo acompañado pola mascota dos Phoenix Suns, The Gorilla Phoenix Suns.
Así, tras a súa visita a Ourense, a NBA traslada o seu espectáculo á cidade da Coruña coa NBA Zone, que estará situada durante a fin de semana no aparcamento da cidade deportivade Riazor, onde tamén acudirá Glen Rice. Alí haberá diversas actividades como o espectáculo en directo ofrecido por Lords of Gravity.











