Xunta, Instituto da Muller e USC colaboran no fomento da igualdade na universidade e no mercado laboral

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaSantiago de Compostela
A-
A+
Alfonso Rueda na inauguración das xornadas

Alfonso Rueda na inauguración das xornadas

O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, destacou hoxe a necesidade de seguir traballando para lograr a igualdade real entre homes e mulleres e eliminar as barreiras que aínda existen, especialmente en ámbitos como o científico, o universitario e o empresarial.

A Xunta de Galicia traballa para lograr esa igualdade real desde todas as frontes, apoiando ás mulleres en todos os ámbitos e prestando especial importancia á educación, que é un dos primeiros chanzos para acadar unha sociedade libre de desigualdades.

Ademais o Goberno galego, consciente da importancia que representa a cuestión laboral e o mercado de traballo, centra tamén os seus esforzos en accións destinadas a fomentar o emprego, facilitar a conciliación e apoiar o emprendemento feminino.

Neste contexto xorde o programa Emega da Secretaría Xeral da Igualdade, unha iniciativa de apoio directo ao emprendemento feminino que nos últimos anos ten suposto un investimento de máis de catro millóns de euros e que se traduciu na creación de case 500 postos de traballo. A convocatoria deste ano publicarase nas vindeiras semanas no DOG.

Mulleres, Universitarias e Empresarias

Rueda participou na inauguración das xornadas formativas de verán: Mulleres, Universitarias e Empresarias, que baixo o lema ‘Mulleres que coa ciencia crean empresas’ tratarán a relación entre ciencia, xénero e emprendemento universitario.

O encontro está organizado polo Instituto da Muller e para a Igualdade de Oportunidades e a Universidade de Santiago, polo que na inauguración tamén participaron a directora do Instituto, Rosa Urbón, e o reitor da USC, Juan Viaño. En representación do Concello de Santiago asistiu a concelleira de Igualdade, Marta Lois.

A continuación tivo lugar a presentación do Proxecto ENRED8.3, resultado de Innovatia 8.3 e que avanza na etapa de desenvolvemento e consolidación das empresas de base tecnolóxica. Nesta mesa participou a secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, para explicar as políticas de apoio ao emprendemento feminino da Xunta de Galicia e explicar máis pormenorizadamente o programa Emega, que ofrece ata seis liñas de axuda diferentes ás mulleres que deciden emprender en Galicia.

Exhaustivo programa

O programa de intervencións agrupa dous bloques que abordarán distintos puntos de vista implicados na temática. Por unha banda, participarán científicas que aludirán á igualdade e á transversalidade de xénero na investigación e como ten repercutido na definición dunha ciencia sesgada, para homes e mulleres. Por outra, partindo do sesgo androcéntrico do emprendemento, o programa proporá traballar obradoiros prácticos de creación de empresas que xorden do coñecemento, coa particularidade das spin-off académicas promovidas por mulleres.

Presentaranse ademais o programa específico de Amadrinamento no que mulleres expertas se prestan a facer labores de mentoría a emprendedoras afilladas coa meta común de conseguir empresas de valor, responsables e consolidadas no tempo.

15 de xuño de 2016 | 17:03 • Sen comentarios

Comentarios pechados.