Xunta e Concello de Ourense asinan o acordo para crear unha bolsa de vivendas sociais cos inmobles desocupados

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaOurense
A-
A+

A conselleira de Infraestruturas e Vivenda, Ethel Vázquez, asinou hoxe co alcalde de Ourense, Jesús Vázquez, un acordo para crear unha bolsa de vivendas sociais cos inmobles desocupados da cidade,polo que é esta vila a primeira que bota a andar esta medida .

Vázquez Mourelle sinalou que Ourense foi o primeiro municipio da comunidade en solicitar a adhesión a este programa de vivendas sociais. Concretou que este acordo é froito do compromiso e o interese das dúas administracións por facilitar o acceso a unha vivenda a aquelas persoas e colectivos que, por circunstancias económicas, persoas ou familiares, se atopan en situación de maior vulnerabilidade. Ademais de mobilizar estes inmobles, o Concello tamén se compromete a coordinarse coa Xunta na xestión de altas e baixas no rexistro de vivendas baleiras, na selección de arrendatarios e na adxudicación destas vivendas.

O convenio fixa un prezo máximo da renda do alugueiro determinado polas características da propia vivenda e das circunstancias particulares de cada beneficiario. Cómpre que o alugueiro resulte atractivo tanto para o arrendador como para o arrendado, para que ao propietario lle compense incorporar a vivenda baleira ao programa e que o beneficiario pague por un alugueiro accesible, compatible con outras axudas da Xunta como por exemplo, o Bono de Alugueiro Social.

A conselleira salientou que as vivendas que se incorporan a este programa estarán dobremente aseguradas pola Xunta, xa que se van financiar unha serie de garantías: un seguro multirrisco do fogar e outro de garantía de cobro da renda que inclúe asistencia e defensa xurídica coa fin de tranquilizar e ofrecer maior seguridade os arrendatarios.

O Programa de Vivendas Baleiras procura unha utilización máis racional do parque de vivendas existente na comunidade, posto que rescata os inmobles desocupados para poder destinalos a alugueiro social, ofrece garantías aos arrendatarios e o máis importante, achega solucións ás persoas e familias en risco de perder o seu fogar.

A titular de Vivenda fixo fincapé na necesidade de que os concellos colaboren coa Xunta para dar solución aos afectados e indicou que incorporarse ao Programa de Vivendas Baleiras é un bo xeito de involucrarse.

Ata o momento xa son 19 os municipios os que solicitaron formalmente a adhesión ao Programa de Vivendas Baleiras e uns 26 concellos solicitaron información previa á súa solicitude de adhesión ao convenio. Dende a Consellería anímase a todos os concellos a colaborar coa iniciativa do IGVS para loitar contra os desafiuzamentos e protexer o dereito constitucional de todos os cidadáns dunha vivenda digna.

Ethel Vázquez manifestou que desde o Goberno galego estanse a poñer todos os medios ao alcance para loitar contra os desafiuzamentos, polo que se impulsaron un total de 12 medidas, entre as que se atopa este Programa de vivendas baleiras.

6 de xuño de 2016 | 17:25 • Sen comentarios

Comentarios pechados.