publicidade hoxe

Verín, Vilalba, Viana do Bolo, O Pereiro de Aguiar, Celanova e Burela acollen actividades do ‘Falaredes’ esta fin de semana

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaBurelaCelanovaO Pereiro de AguiarVerínViana do BoloVilalba
A-
A+

Esta fin de semana a Consellería de Cultura e Educación leva ata os municipios de Verín, Vilalba, Viana do Bolo, O Pereiro de Aguiar, Celanova e Burela as propostas de dinamización lingüística do programa ‘FalaRedes’, que a Secretaría Xeral de Política Lingüística lle destina ás entidades adscritas á Rede de Dinamización Lingüística (RDL) da Xunta de Galicia. Nestes derradeiros días da primavera, os protagonistas serán Os Bolechas, que seguen a espallar o espírito olímpico polo país, e o ‘Todo me fala de ti’, un tributo musical ao poeta Manuel María.

Citas co ‘FalaRedes’ na fin de semana

A primeira función de ‘Os Bolechas van ás Olimpíadas’ terá lugar o sábado en Verín (Auditorio Municipal, 12:30 horas). Ese mesmo día, os personaxes de Pepe Carreiro pasarán por Viana do Bolo (Casa da Cultura, 19:30 horas).

Ao día seguinte, domingo, Os Bolechas paran no Pereiro de Aguiar (Centro de Día dos Gozos, 12:00 horas). Pola tarde pecharán actividades en Celanova (Auditorio Municipal Ilduara, 18:30 horas).

Concurso olímpico para dinamizar o galego

O espectáculo ‘Os Bolechas van ás Olimpíadas’ está pensado para gozar en familia. Os seis famosos irmáns requirirán a axuda dos rapaces e rapazas asistentes para superaren unha serie de probas e deste xeito venceren o seu antagonista Romualdo. Se, co apoio do público, o conseguen, terán garantido o seu pase para as Olimpíadas de Río 2016.

A participación promovida por esta actividade non se limita ao día do espectáculo, pois ‘Os Bolechas van ás Olimpíadas’ ten continuidade a través das novas tecnoloxías, no web www.osbolechas.gal/olimpiadas.

Tributo musical a Manuel María

Pola súa parte o espectáculo musical ‘Todo me fala de ti’ despídese do ‘FalaRedes’ 2016 despois dunha xira que os levou por 15 municipios de Galicia. O sábado o espectáculo musical estará no Auditorio Municipal de Vilalba (18:00 horas) e o domingo baixará o pano en Burela, concretamente no Auditorio da Casa da Cultura (19:30 horas).

‘Todo me fala de ti’ é un proxecto musical liderado por tres coñecidas figuras da música galega: Uxía, Magín Blanco e Santi Cribeiro. O espectáculo é unha homenaxe ao poeta Manuel María pensado para compartiren pequenos e grandes. Partindo dos versos do chairego, con ‘Todo me fala de ti’ percorremos un universo de ritmos, que van dende o pop ata o tango.

Próximas citas: Viveiro e Fene

Na vindeira fin de semana, a derradeira do mes de xuño, o ‘FalaRedes’ achegará Os Bolechas ata as comarcas da Mariña e de Ferroterra: o sábado, día 25 de xuño, o espectáculo ‘Os Bolechas van ás Olimpíadas’ poderá verse no Teatro Pastor Díaz de Viveiro (18:00 horas); ao día seguinte, domingo 26, os amantes das aventuras bolecheiras teñen unha cita no municipio de Fene, concretamente no Local do CCRD de Perlío (12:30 horas).

‘FalaRedes 2016′

O programa de dinamización lingüística ‘FalaRedes’ chega á súa quinta edición con novas propostas para gozar do tempo libre en galego que se desenvolven ao longo de todo o ano nos concellos da RDL. En todos os casos as actividades son de entrada libre e de balde ata completar a capacidade das salas.

Os obxectivos de ‘FalaRedes’ son ampliar a oferta de ocio na nosa lingua, promover o seu uso e valoración positiva, fornecer o ámbito municipal de actividades de lecer en galego e apoiar os artistas que desenvolvan o seu traballo no idioma propio de Galicia.

16 de xuño de 2016 | 17:58 • Sen comentarios

Comentarios pechados.