Vázquez Almuiña visita o Instituto de Educación secundaria Fin do Camiño de Fisterra
O conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, visitou hoxe o Instituto de Educación Secundaria Fin do Camiño, de Fisterra, para agradecer ao alumnado deste centro o feito de escoller para o seu traballo unha campaña de sensibilización e captación de doadores, que supuxo todo un exemplo de creatividade e solidariedade.
O titular da carteira sanitaria do Executivo galego destacou que dita campaña resultou un éxito, posto que na visita desenvolvida pola unidade móbil de doazón de sangue ata Fisterra, realizada o luns, 23 de maio, acadáronse un total de 49 doazóns de sangue, unha cifra que supón o récord de participación neste concello.
Para que vexades o que implica esta cifra, -dixo o conselleiro no acto-, grazas a estas doazóns poderanse realizar 25 intervencións cirúrxicas, ou 5 transplantes de fígado, e transfundir plaquetas a 10 enfermos de cancro.
Este agradecemento o conselleiro o fixo extensivo tamén aos docentes que animaron aos alumnos e os apoiaron nesta iniciativa, o que resultou todo un exemplo de carácter comprometido e solidario. O agradecemento do conselleiro tamén foi, naturalmente, para os doantes de Fisterra.
Para rematar o acto, Almuiña invitou aos alumnos a que acudan a visitar en vindeiras datas, en Compostela, as instalacións do Centro de Transfusión de Galicia, organismo dependente da Axencia Galega de Sangue, Órganos e Tecidos.
Na celebración de hoxe, que tivo lugar na Biblioteca do centro educativo coa presenza do grupo de alumnas e alumnos merecedores do recoñecemento, proxectouse un vídeo da iniciativa, e o conselleiro fíxolles entrega dun agasallo ao Instituto, que recolleu a directora do centro, Virginia Rodríguez.
No acto estiveron presentes, así mesmo, o director xeral de Asistencia Sanitaria do Sergas, Jorge Aboal; a directora da Axencia Galega de Sangue, Órganos e Tecidos, Marisa López; e a xefa territorial de Sanidade na Coruña, Cristina Pérez.