Uns 1.400 efectivos traballarán na loita contra incendios forestais na provincia da Coruña

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Coruña
A-
A+

O delegado territorial da Xunta na Coruña, Diego Calvo, presidiu esta mañá a reunión da Comisión Provincial de Coordinación Policial de Loita contra os Incendios Forestais para a campaña deste ano, que estará operativa dende o 1 de xullo ata o 30 de setembro, período establecido como época de alto risco de incendios.

O obxectivo da xuntanza, na que tamén participaron representantes da Subdelegación do Goberno, responsables da Policía Autonómica e Nacional e da Garda Civil, e membros da Xefatura Territorial de Medio Rural, foi coordinar as actuacións que se levarán a cabo para previr os lumes e loitar contra a actividade incendiaria. Ademais, asignáronse as zonas de actuación dos diferentes corpos de seguridade do Estado.

Durante a reunión, onde tamén se fixo balance dos incendios rexistrados na última campaña, presentáronse os diferentes medios co que se contará para loitar contra os lumes, que no caso da Coruña conta actualmente cun dispositivo de prevención composto por 26 técnicos, 95 axentes forestais, 27 emisoristas, 22 vixilantes fixos, 34 brigadas e 34 motobombas da Consellería de Medio Rural, ademais dos 7 Grupos de Emerxencias Supramunicipais (GES). Estes medios veranse reforzados de xeito progresivo durante a campaña de verán con 21 emisoristas, 10 vixilantes fixos e 66 condutores de motobomba da Consellería de Medio Rural. Ademais, contarase con 32 brigadas da empresa pública Seaga, 62 brigadas de concellos, 18 motobombas municipais, dous helicópteros coas súas brigadas helitransportadas nas bases de Lomba (Santa Comba) e Castromaior (Abegondo), e 3 avións anfibios na base de Labacolla.

O delegado territorial da Xunta na Coruña, Diego Calvo, especificou que “estamos a falar de máis de 1.400 persoas repartidas en diferentes brigadas”, ás que hai que sumar os efectivos da Unidade Militar de Emerxencias (UME), os membros da Garda Civil do Seprona, a Policía Autonómica e Nacional, así como os membros dos equipos de investigación e os equipos de bombeiros comarcais, entre outros. Ademais, Calvo salientou a importancia do traballo coordinado entre as diferentes administracións nas actuacións que se leven a cabo, tanto no eido do prevención como no da extinción dos lumes co fin de lograr unha maior eficacia.

Insistiu, ademais, na importancia do traballo de prevención que se levará cabo de cara a conseguir un cambio de comportamento social para reducir os danos medioambientais producidos polos incendios forestais. Por iso, apelou á responsabilidade dos cidadáns para que extremen as precaucións e denuncien calquera actividade incendiaria da que teñan coñecemento porque “impedir que os nosos montes ardan e acaben convertidos en cinza é responsabilidade de todos”.

Todos os participantes na reunión celebrada esta mañá na sede da Delegación Territorial coincidiron en sinalar a importancia da campaña que arranca este venres.

29 de xuño de 2016 | 18:47 • Sen comentarios

Comentarios pechados.