Unha exposición na Coruña pretende ser unha alegación contra a indiferenza
A Fundación Galicia Obra Social (Afundación) acollerá até o 16 de xullo a mostra de Médicos Sen Fronteiras ‘Testemuñas do esquecemento #2’, unha exposición de fotografías de Carlos Tomasi con textos de Martín Caparrós, Santiago Roncagliolo, Laura Restrepo e Manuel Rivas.
Con motivo da súa presentación, os seus responsables explicaron que a mostra achega ao visitante “o rostro humano do sufrimento, a violencia continua e o esquecemento mediático que padecen catro recunchos do planeta con dramas humanos trágicamente silenciados”, en concreto territorios palestinos ocupados, Colombia, Níxer e Etiopía.
Estes retratos pretenden converterse, segundo os promotores da iniciativa, “nunha alegación contra a indiferenza, unha aposta polo compromiso cos seres humanos que viven sometidos á violencia, a enfermidade e a exclusión extrema”.
FOTOGRAFÍAS E TEXTOS
A mostra componse das fotografías, de extractos de catro reportaxes e dun vídeo que ilustra tanto as problemáticas específicas destas crises como os procesos creativos de Caparrós, Roncagliolo, Restrepo e Rivas que narran cun enfoque literario e xornalístico á vez e outorgando o protagonismo a quen sofren estas crises.
Así, o seu contido estrutúrase en catro apartados, cada un deles centrado nun contexto: territorios palestinos ocupados, con Martín Caparrós; Níxer, con Santiago Roncagliolo; Etiopía, con Laura Restrepo; e Colombia, con Manuel Rivas.
As catro crises foron documentadas polo fotoperiodista, reporteiro e realizador audiovisual Juan Carlos Tomasi, quen leva 20 anos retratando os conflitos mundiais.
Esta exposición é a segunda parte do proxecto ‘Testemuñas do esquecemento’, lanzado por Médicos Sen Fronteiras en colaboración co País Semanal e o Instituto Cervantes entre 2009 e 2010 e que tamén deu lugar a unha mostra.











