Santiago acollerá máis de 300 cacharelas durante a noite de San Xoán
Santiago de Compostela acollerá máis de 310 cacharelas, 64 públicas e 250 privadas, na noite de San Xoán este 23 de xuño, na que o Concello reforzará o dispositivo de vixilancia para evitar que se produzan incidencias e atender as rexistradas.
Diso informou este mércores en rolda de prensa o edil de Medio, Xan Duro, que precisou que das 64 cacharelas públicas autorizadas, 15 son só cacharelas, 32 inclúen sardinada e cacharela, e outras 17 serán só sardinada.
Así mesmo, explicou que este ano se recuperan as da Algalia de Abaixo e a da Asociación de Veciños de Guadalupe A Ponderosa, cacharelas “emblemáticas que levaban uns anos sin facerse”. Estas sumaranse a outras tradicionais como as dos barrios de San Pedro, Pelamios, Pontepedriña ou Sarela.
Como novidade, o edil sinalou que se pechará, a partir das 21,00 horas, a rúa Fernando III O Santo, entre República Arxentina e A Rosa, despois de que os establecementos hostaleiros alí situados solicitasen facer unha cacharela alí.
DISPOSITIVO DE VIXILANCIA
Ademais, para evitar que se produzan incidencias e atender ás rexistradas, durante a noite de San Xoán dobrarase a quenda habitual de noite da Policía Local, ata un total de 20 axentes; mentres que seis voluntarios de Protección Civil percorrerán en dous vehículos a zona rural para “revisar a situación das cacharelas”.
Neste sentido, o xefe dos Bombeiros de Santiago, Xesús Martínez, explicou que tamén duplicarán os efectivos que traballarán durante esta noite. Así, un total de 17 bombeiros moveranse “continuamente” pola cidade en tres camións para revisar que “todo estea en boas condicións”.
Na súa intervención, Martínez recomendou utilizar materiais que fagan brasa como a madeira, non facer “cacharelas moi grandes”, “non queimar papeis nin tecidos volátiles” e “non utilizar produtos tóxicos, nin sprays ou recipientes que provoquen explosións”. Tamén aconsellou levar roupa cinguida, para evitar que esta se poida enganchar, e evitar os tecidos sintéticos que se poden pegar á pel.











