Rueda ratifica o compromiso cos centros educativos galegos durante a visita ao IES A Cañiza
O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, ratificou hoxe o compromiso do Goberno galego cos centros educativos galegos no marco dunha visita ao Instituto de Ensinanza Secundaria da Cañiza.
O Goberno galego ten aprobado un investimento de 250.000 euros que permitirá levar a cabo as actividades previstas na modalidade de FP Básica de Mantemento de Vehículos e no ciclo de grao medio de Electromecánica de Vehículos Automóbiles. Con esta actuación, o instituto poderá comezar o vindeiro curso 2016-2017 nas mellores condicións grazas ás obras de reforma que se van acometer este verán.
Rueda, quen visitou está mañá o IES A Cañiza xunto ao delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, explicou que esta mellora está inscrita nun plan de actuación conxunto en todo o territorio galego, aprobado polo Goberno Galego, co obxectivo de mellorar as infraestruturas educativas galegas.
A Xunta duplicou estes fondos para centros educativos, ata os 39,7 millóns de euros, grazas aos recursos obtidos a través do Fondo de Superávit de Responsabilidade.
Este superávit de responsabilidade suma 20 millóns á cifra xa prevista no Plan de Dotación de Infraestruturas Educativas e permitirá executar con carácter inmediato obras necesarias como esta da Cañiza en arredor de 400 centros de toda Galicia.