Rosa Quintana agradece a sensibilidade do director xeral de Pesca da UE durante a súa visita a Galicia

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaVigo
A-
A+
Rosa Quintana co director xeral de Pesca da UE na visita a Vigo

Rosa Quintana co director xeral de Pesca da UE na visita a Vigo

A conselleira do Mar, Rosa Quintana, agradeceu esta mañá a sensibilidade amosada polo director xeral de Pesca da Unión Europea (DG MARE), João Aguiar, durante a súa visita a Vigo na que mantivo diversas xuntanzas con axentes do sector e destacou a súa importancia de cara a coñecer as dimensións do sector marítimo pesqueiro da nosa comunidade.

Esta estadía comezou a primeira hora da mañá, cando a conselleira do Mar e o director xeral da UE comprobaron o transcurso da poxa do peixe que se desenvolveu na lonxa viguesa. Nela, João Aguiar coñeceu o sistema de primeira venda en fresco que se realiza nas lonxas galegas. A continuación, mantiveron unha xuntanza cos representantes da Cooperativa de Armadores de pesca de Vigo (ARVI), da Fundación Rendemento Económico Mínimo Sostible e Social (FREMSS) e co Presidente da Autoridade Portuaria de Vigo, Enrique López Veiga.

Ademais, Rosa Quintana e João Aguiar visitaron o buque Irmáns García Nodal, pertencente ao Servizo de Gardacostas de Galicia. Despois realizaron un percorrido pola ría de Vigo nunha embarcación da Autoridade Portuaria, desde a que comprobaron os traballos que se estaban a efectuar nas bateas de mexillón.

Durante esta xornada, a conselleira do Mar e o director xeral da UE tamén mantiveron un encontro en Arcade (Pontevedra) cos representantes da Federación Galega de Confrarías de Pescadores para abordar distintos asuntos relacionados co sector do mar.

Xuntanzas desta tarde

A maiores, esta tarde, a titular de Mar participou na entrega da Medalla da Asociación Nacional de Fabricantes de Conservas de Pescados (ANFACO) ao director xeral de Asuntos Marítimos e Pesca da Unión Europea. Con esta medalla recoñéceselle o seu apoio e colaboración á competitividade e defensa dos intereses da industria alimentaria, conserveira e transformadora de produtos do mar desde os distintos cargos que ostentou.

Para rematar a xornada, Rosa Quintana e João Aguiar manterán unha xuntanza con representantes da Asociación Conxemar e a continuación reuniranse coa Comisión Sectorial de Acuicultura do Consello Galego de Pesca.

13 de xuño de 2016 | 18:15 • Sen comentarios

Comentarios pechados.