publicidade hoxe

Román Rodríguez destaca o Castro de Doade como referente turístico do patrimonio arqueolóxico no eido rural galego

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLalín
A-
A+
Román Rodríguez na visita ao Castro de Doade

Román Rodríguez na visita ao Castro de Doade

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, acompañado do reitor da USC, Juan Viaño, visitaron hoxe o Castro de Doade, onde se están levando a cabo traballos arqueolóxicos froito dunha colaboración entre o departamento educativo da Xunta de Galicia e a Universidade de Santiago.

Acompañados polo director do Museo Etnográfico Casa do Patrón, Manuel Blanco Villar; polo director científico da escavación, José Manuel Caamaño Gesto; e por 86 alumnos do CEIP Espedregada de Poio, o conselleiro e o reitor puideron comprobar in situ os avances dos traballos realizados no xacemento. Neste sentido, o titular do departamento de Cultura da Xunta de Galicia lembrou a importancia desta actuación, tanto desde o punto de vista do patrimonio –posto que permitirá seguir coñecendo as costumes e o modo de vida dos nosos devanceiros– como desde o turístico.

En palabras de Román Rodríguez, “o Castro de Doade sitúase como referente turístico do patrimonio arqueolóxico no ámbito rural galego”, converténdose tamén nun “punto neurálxico” do estudo e da posta en valor destes achados.

Escavacións e posta en valor

En concreto, as escavacións efectuadas na Aurela do Castro e realizadas –en virtude do convenio de colaboración coa USC– por doce estudantes do Máster en Arqueoloxía e Ciencias da Antigüidade e catro arqueólogos profesionais dirixidos polo profesor Erik Carlsson-Brandt Fontán, permitiron descubrir dúas construcións habitacionais castrexas, ademais de multitude de achados, tales como restos de cerámica, muíños redondos, pesas de tear, corazóns de tellados, afiadores, alisadores, pezas de ferro, etc.

Todos estes achados trasladaranse á recente sala de arqueoloxía inaugurada este mesmo ano no Museo, que xa conta con máis de 3.500 pezas expostas, atopadas en anteriores catas.

Por outro lado, e co fin de poñer en valor o castro, desde este luns pasado, dúas restauradoras están levando a cabo diferentes obras de consolidación da vivenda castrexa totalmente escavada para despois sinalizar a zona e poder, en consecuencia, iniciar as visitas ao xacemento. A maiores, un equipo de cinco arqueólogos comezou novas sondaxes nas zonas máis relevantes do castro.

Visitas de alumnado

En todo caso, e aínda que a previsión pasa por rematar as obras a finais deste mes, o castro xa pode ser visitado. De feito, alumnos e alumnas de varios centros galegos puideron comprobar os avances da escavación ao longo destes meses, a través dunha serie de visitas guiadas que se enmarcan dentro do protocolo de colaboración que a Consellería mantén coa Asociación Etnográfica de Codeseda para difundir a etnografía e tradicións galegas entre o alumnado galego. Neste sentido, durante a visita de hoxe ao castro tamén estiveron presentes 86 nenos e nenas do CEIP Espedregada de Poio.

10 de xuño de 2016 | 19:29 • Sen comentarios

Comentarios pechados.