Rey Varela presenta as principais liñas da política social galega a empresarios e emprendedores da Coruña

Rey Varela no almorzo convocado por Ascega. Foto: M. Fuentes
O conselleiro de Política Social, José Manuel Rey Varela, acudiu esta mañá a un almorzo organizado pola Asociación de Empresarios e Emprendedores da Coruña (ASCEGA), un encontro no que presentou aos asistentes as liñas xerais da Consellería de Política Social en materia de conciliación.
Rey Varela destacou a recente aprobación da convocatoria de axudas económicas para a creación de escolas infantís de 0 a 3 anos en polígonos industriais e parques empresariais, á que se destinará un orzamento superior aos 2 millóns de euros e grazas á que se crearán un mínimo de 451 novas prazas de atención á infancia. “Este investimento permitirá que once polígonos industriais de Galicia conten con este recurso pagado con fondos públicos aos que por suposto, poderán optar os polígonos coruñeses de A Grela e Pocomaco”, afirmou o titular de Política Social, quen lembrou que no vindeiro curso, a administración autonómica abrirá unha nova escola infantil na cidade herculina. “Gustaríame destacar o importante que é a conciliación para as persoas pero tamén o importante que é a conciliación para as empresas. Ter empregados e empregadas que poidan conciliar máis, repercute tamén nos resultados empresariais”, destacou Rey Varela.
O conselleiro tamén trasladou aos presentes no almorzo, a posta en marcha das Casas Niño, unha iniciativa que proporcionará 150 novas prazas de atención continuada para nenos e nenas de 0 a 3 anos de idade en concellos de menos de 5.000 habitantes nos que non exista ningún outro recurso do mesmo tipo. “Con esta medida, crearemos recursos de conciliación para as familias e oportunidades para atraer poboación nova ao rural galego. Ademais, a través desta actuación estamos a impulsar e apoiar as fórmulas de autoemprego e de economía social”, explicou o titular autonómico.
Así mesmo, a Xunta porá en funcionamento o servizo de axuda no fogar infantil (SAFI) e o Bono Coidado. Trátase dun recurso complementario de apoio ás familias para a atención e coidado puntual no domicilio familiar dos e das menores de 12 anos, cando circunstancias imprevistas impidan ou dificulten a súa realización ás persoas que habitualmente desenvolven esta función.
Ademais destas importantes liñas en materia de conciliación, Rey Varela fixo referencia a outro dos piares das políticas sociais galegas, como é a atención á dependencia no ámbito dos maiores e tamén no ámbito da discapacidade. “Nos dous eidos realizamos avances moi importantes, co obxectivo de que en Galicia antes de que acabe o ano teñamos unha cifra de atención aos nosos maiores que chegue ás 50.000 persoas atendidas a través dos servizos de libranzas, do servizo de axuda no fogar e dos servizos residenciais ofertados tanto para maiores como para persoas con discapacidade”, explicou.











