Representantes de Alemaña, Polonia, República Checa, Italia, Suecia e de comunidades españolas avalían o grao de execución do proxecto de mobilidade transnacional xuvenil
Galicia acolle hoxe e mañá a reunión do grupo de traballo TNL mobility rede de entidades de varios países europeos impulsores da convocatoria coordinada de mobilidade trasnacional xuvenil. Este é un proxecto liderado polo Ministerio de Traballo e Asuntos Sociais de Alemaña no que a nosa Comunidade Autónoma participa a través da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado.
Así pois, durante dous días danse cita en Galicia representantes de entidades de Alemaña, Polonia, República Checa, Italia, Suecia e doutras Comunidades Autónomas de España para avaliar o estado de execución e desenvolvemento do proxecto, que se enmarca no Programa Operativo de Emprego Xuvenil, cofinanciado pola Iniciativa Europea de Emprego Xuvenil e o Fondo Social Europeo.
A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cecilia Vázquez, destacou que a través do programa Galeuropa, Galicia foi no 2015 a primeira Comunidade Autónoma española que se incorporou a este proxecto de mobilidade trasnacional xuvenil, que na nosa comunidade conta cun orzamento superior aos 7 millóns de euros para as anualidades 2015-2020.
Galeuropa ten por obxecto a concesión de axudas para proxectos de mobilidade trasnacional dirixido a mozos e mozas para a realización de prácticas formativas non remuneradas de ata catro meses de duración en entidades ou empresas públicas ou privadas de 31 países europeos. Na convocatoria deste ano, que está na fase de avaliación, puideron participar mozos e mozas de ata 30 anos inscritos no ficheiro de Garantía Xuvenil.
Vázquez Suárez dixo que “a mobilidade non é un fin en si mesmo e debe entenderse como a adquisición de novas capacidades nun entorno cultural e social novo, tanto a través da formación académica como das prácticas profesionais e mesmo dos propios procesos de educación non formal que leva parella a participación nestes programas”.
A directora xeral tamén afirmou que “as iniciativas de mobilidade teñen como finalidade mellorar a formación da mocidade galega, ampliando o currículo laboral a través dunha experiencia internacional e que estas experiencias poden ser de moita utilidade para complementar ensinanzas académicas con experiencias e competencias adquiridas mediante a participación xuvenil e a mobilidade”.











