publicidade hoxe

Raquel Arias destaca a aposta pola cultura como elementos dinamizadores e de reequilibrio territorial

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaMonforte de Lemos
A-
A+
Raquel Arias na presentación da Convención da Rede de Cidades e Territorios Creativos de España

Raquel Arias na presentación da Convención da Rede de Cidades e Territorios Creativos de España

A delegada territorial da Xunta, Raquel Arias, participou hoxe en Monforte de Lemos na presentación da Convención da Rede de Cidades e Territorios Creativos de España, que se desenvolverá na cidade entre os días 1 e 3 de xullo.

No marco deste evento, que conta coa colaboración da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, constituirase oficialmente a Rede de Cidades e Territorios Creativos de España, da que forma parte a propia Xunta de Galicia.

Ata o momento, a rede está integrada por tres comunidades autónomas (Galicia, Extremadura e Castela e León), catro deputacións provinciais e 16 concellos, entre eles o de Monforte. A delegada subliñou que “este episodio marca un punto de inflexión na historia da Rede, que inicia en Monforte a súa andaina oficial”.

A Rede de Cidades e Territorios Creativos de España propón entender a cultura como un sector transversal de toda a economía, capaz de xerar valor engadido e identidade. Arias destacou que “estos termos definen precisamente o esforzo que está a facer a Ribeira Sacra, que sobre a herdanza do seu patrimonio natural e cultural está a potenciar a industria, o turismo ou a cultura, aspirando a ser Patrimonio da Humanidade”.

Igualmente, indicou, “a filosofía que inspira á Rede está en perfecta sintonía tamén coas actitudes da Xunta en relación coa cultura e o emprendemento, potenciando un sector cultural profesional, de vangarda e de calidade, e un sector industrial baseado na innovación, a investigación e o coñecemento para o despegue da industria 4.0 en Galicia”.

Arias explicou que para a industria baseada na tecnoloxía “a dispersión poboacional de Galicia non é un obstáculo” e polo tanto “beneficia o reequilibrio territorial, entre o rural e o urbano, e entre a área atlántica e o interior”.

Ademais de acoller o acto da firma de constitución da Rede, a convención propón un ambicioso programa de conferencias e mesas redondas en torno á figura de Miguel de Cervantes, aproveitando a conmemoración do cuarto centenario da súa morte e a súa vinculación con Monforte a través do seu mecenas, o Sétimo Conde de Lemos. As xornadas aportarán tamén unha visión actual sobre as industrias creativas e o mecenazgo.
Ao respecto, Arias indicou que “debemos aproveitar toda a nosa riqueza, material e inmaterial, para facernos valer”, como o legado do conde Pedro Fernández de Castro, que exerceu o mecenazgo non só con Cervantes, senón tamén con personaxes da talla de Lope de Vega, Góngora ou Quevedo. “É un exemplo dese patrimonio inmaterial que nos singulariza e que debemos potenciar porque pode xerar eventos dinamizadores como esta convención”, apuntou.

Nas xornadas participarán personalidades recoñecidas da escena pública española, así como xestores culturais e persoas interesadas chegadas de dentro e fóra de Galicia, “feito que contribuirá á facer máis visible a vida cultural e artística de toda a Ribeira Sacra, ademais de axudar a difundir o rico patrimonio natural e histórico da zona”, tal e como sinalou Arias.

17 de xuño de 2016 | 17:55 • Sen comentarios

Comentarios pechados.