Quintana participa na inauguración da ‘III Conferencia Internacional Arvi sobre el futuro de la Pesca’

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaVigo
A-
A+
Intervención da conselleira do Mar na conferencia en Vigo

Intervención da conselleira do Mar na conferencia en Vigo

A conselleira do Mar, Rosa Quintana, participou esta mañá na inauguración da III Conferencia Internacional Arvi sobre el futuro de la Pesca, celebrada en Vigo. Alí destacou que un obxectivo prioritario de todos os participantes neste foro, dos xestores pesqueiros e do propio sector “é o de compatibilizar a actividade pesqueira coa protección dos fondos mariños máis vulnerables”.

Neste sentido, apostou por defender unha modificación da normativa comunitaria sobre a xestión de pesquerías en augas profundas “que teña en conta a tripla sustentabilidade ambiental, económica e social”. É dicir, explicou, unha xestión compatible co mantemento da capacidade da frota, da súa actividade económica e dos postos de traballo. Por iso, subliñou, “manifestamos a nosa disconformidade coa intención de establecer unha prohibición xenérica para a frota de arrastre en augas por debaixo dos 800 metros”.

A isto a titular de Mar engadiu que “é necesario atopar un modelo que se adapte á realidade e vulnerabilidade dos espazos obxecto de aproveitamento pesqueiro”. Ademais advertiu que prohibir o arrastre en caladoiros nos que tamén operan frotas extracomunitarias que utilizan esas artes provocaría un novo agravio comparativo fronte á frota europea.

Neste sentido, aproveitou a súa intervención para chamar a atención sobre a importancia da frota de arrastre en Galicia en termos económicos e sociais. Unha frota, destacou, de 128 buques de arrastre litoral, altura e grande altura que emprega a máis de 1.390 persoas. Ademais avogou por “centrar esforzos no incrementos das posibilidades de pesca para garantir o futuro da industria pesqueira en lugar de criminalizar un tipo de artes de pesca que non son nin bos nin malos, senón que poden ser ben ou mal utilizados”.

Galicia e a pesca

Por outra banda, Rosa Quintana, tamén destacou a potencialidade de Galicia e de Vigo no conxunto da pesca. Expuxo que en Galicia o Valor Engadido Buto da pesca e da acuicultura é 25 veces superior ao da UE e máis de seis veces superior ao de España. En canto á ría de Vigo salientou que no 2015 a exportación da industria transformadora medrou en máis dun 14% e superou os 1.700 millóns de euros. Ademais o volume de vendas rexistrado polos comercializadores de produtos da pesca conxelados subiu un 8% ata acadar as 660.000 toneladas.

Estes indicadores, valorou Rosa Quintana, “apuntan a que o complexo mar-industria en Galicia e en Vigo conta con importantes expectativas de futuro, tal e como amosan o crecemento das vendas, a apertura de novos mercados e o incremento das exportacións. En boa medida, engadiu, “polos esforzos da industria transformadora, que mellorou notablemente a súa competitividade apostando decididamente pola innovación”.

16 de xuño de 2016 | 17:02 • Sen comentarios

Comentarios pechados.