Quintana destaca o desenvolvemento económico que xera Novanam do Grupo Nueva Pescanova en Namibia

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGalicia exterior
A-
A+
Rosa Quintana na visita ás instalacións de Novanam

Rosa Quintana na visita ás instalacións de Novanam

A conselleira do Mar, Rosa Quintana, acompañada polo director xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica, Juan Maneiro, visitou esta mañá na cidade de Lüderitz (Namibia) as instalacións de Novanam, sociedade mixta do Grupo Nueva Pescanova. Alí a conselleira destacou o carácter pioneiro desta compañía á hora de establecerse no país africano, onde se instalou en 1.990, e o desenvolvemento económico que xera, xa que, sinalou, é a maior empresa do país e emprega a 2.000 persoas.

Na visita tamén estiveron a directora de Xestión de Recursos Pesqueiros do Ministerio de Pesca e Asuntos Marítimos de Namibia, Graça d’Almeida; o director xeral para África do Grupo Nueva Pescanova, David Troncoso, e o director de Novanam, Miguel Ángel Tordesillas e nela a conselleira tamén fixo fincapé na actividade e volume de produción de Novanam. Neste sentido, destacou que a través das súas instalacións en Lüderitz e Walvis Bay procesa e distribúe máis de 30.000 toneladas de pescada, capturada polos 13 buques que posúe. Unha actividade, subliñou a titular de Mar, que realiza da man do seu compromiso coa sustentabilidade dos recursos mariños, amparado polo Certificado de Pesca Sustentable, que posúe baixo os principios da Organización das Nacións Unidas para a Alimentación e a Agricultura (FAO).

Outro dos aspectos que caracteriza a Novanam e que valorou Rosa Quintana é a súa integración cos habitantes da zona. De feito, subliñou, traballa coas comunidades locais en distintas iniciativas de responsabilidade social corporativa relacionadas con cuestións como o apoio á educación dos fillos dos seus empregados, a atención sanitaria aos seus traballadores, a inclusión laboral dos habitantes da zona e a loita contra a pobreza. Durante a visita a conselleira coñeceu de primeira man algunhas destas iniciativas, como a gardería infantil desta empresa para os nenos e nenas dos seus empregados.

Esta compañía tamén desenvolve accións de voluntariado corporativo nas escolas e centros da terceira idade, iniciativas de doazóns de alimentos e de apoio ao acceso á vivenda. Ademais, engadiu a conselleira, contribúe a difundir un dos maiores bens deste país a través de accións de promoción local para o consumo de peixe e impulsa a práctica do deporte apoiando a promoción de diferentes equipos da zona.

Seacope Freezer Fishing

Durante a xornada de hoxe a conselleira e o director xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica tamén coñecerán a compañía Seacope Freezer Fishing, formada por Copemar e o grupo namibio de propiedade estatal, Fishcor, que á súa vez é propietario da compañía pesqueira Seaflower.

Seaflower dispón dunhas instalacións modernas tras realizar nos últimos anos renovacións co obxectivo de atender e acceder a novos mercados de Europa, Asia e América. Isto reflicte a aposta decidida de Copemar por incrementar os seus intereses en Namibia, para desenvolver as súas inversións neste país e servir de apoio para a modernización do sector pesqueiro.

Visitas de mañá

Mañá a conselleira e o director xeral continuarán a súa axenda de visita ás 6 empresas galegas do eido marítimo afincadas en Namibia. Estarán en Walvis Bay, onde coñecerán as instalacións que Novanam ten nesta cidade e tamén visitarán o grupo Cato Fishing, que xestiona diferentes empresas de pesca e comercializa na Unión Europea, Estados Unidos, Sudáfrica e tamén no mercado local de Namibia.

Ademais coñecerán de primeira man a actividade de Pereira Fishing, dedicada á pesca, elaboración, almacenamento, distribución e comercialización de peixe e despois visitarán as instalacións de Merlus Fishing, a división de Mascato en Namibia. Esta empresa posúe unha fábrica de produto conxelado, unha de produto fresco e outra que coordina os buques conxeladores e de fresco que serven peixe ás fábricas de Namibia e á de Salvaterra do Miño.

8 de xuño de 2016 | 17:51 • Sen comentarios

Comentarios pechados.