Quintana define o papel das organizacións de produtores de pesca como clave na defensa do máximo aproveitamento das cotas

Rosa Quintana na apertura da asamblea da AEOP
A conselleira do Mar, Rosa Quintana, participou hoxe en Vigo na apertura da Asamblea General anual da Asociación Europea de Organizacións de Produtores de Pesca (AEOP), organizada pola Cooperativa de Armadores de Vigo, Arvi. Alí defendeu a importancia do papel destas organizacións na defensa do total aproveitamento das posibilidades de pesca asignadas para evitar os desaxustes que se producen cando algúns Estados membros son excedentarios de TACs e cotas e outros deficitarios. Evitalo, advertiu, “redundaría nunha maior eficiencia da actividade sustentable e responsable”.
Ademais a titular de Mar amosou a súa confianza neste encontro para “continuar pola senda da unión entre as distintas entidades e organizacións de produtores para a defensa dos intereses comúns e para acadar a sustentabilidade da actividade pesqueira na súa tripla dimensión ambiental, económica e social, no marco da Política Común de Pesca”. Neste sentido, chamou a atención sobre a importancia que cobrarán os Consellos Consultivos “aos que debemos acudir cunha actitude participativa presentando propostas concretas a partir das pautas marcadas pola UE e facendo propostas rigorosas coas que se poidan tomar decisións que redunden no beneficio de todos”.
Por outra banda, Rosa Quintana enxalzou a importancia da Cooperativa Arvi no contexto pesqueiro de Galicia, xa que, subliñou, “conseguiu construír o grupo de armadores de buques pesqueiros máis importantes de España e un dos máis importantes da Unión Europea”. Proba disto son as 262 empresas coas que conta, con máis de 380 buques e unha tripulación de 6.600 persoas, que acadan anualmente 400.000 toneladas de capturas.
Isto, sinalou, “permitiulle manter un posicionamento de privilexio nas súas relacións con distintas administracións xestoras dos produtos pesqueiros, tratando de obter en cada momento as condicións máis ventaxosas posibles”. Faino, engadiu, co principio de “manter a viabilidade socioeconómica das empresas pesqueiras, compatibilizándoa coa sustentabilidade medioambiental dos recursos mariños”. Unha premisa “que comparte plenamente coa Asociación Europea de Organizacións de Produtores de Pesca”.
A AEOP
A Asociación Europea de Organizacións de Produtores de Pesca (AEOP) representa a 40 organizacións de produtores de pesca de 10 Estados Membros da Unión Europea. Ten entre os seus fins apoiar aos seus membros para acadar os obxectivos da Política Común de Pesca e da Organización Común de Mercados para os produtos da pesca e da acuicultura, aconsellar aos seus membros sobre a organización da súa produción e influír na normativa co obxectivo de manter a sustentabilidade e viabilidade socioeconómica da produción, compatibilizándoa coa sustentabilidade medioambiental.











