publicidade hoxe

Preséntase a primeira edición de “ADN Sabucedo”, a revista da Rapa das Bestas

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA EstradaLocal PortadaPontevedra
A-
A+
Presentación da revista ADN Sabucedo

Presentación da revista ADN Sabucedo

A Presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, presentou esta mañá no Palacete das Mendoza, a sede de Turismo Rías Baixas, a primeira edición da revista “ADN Sabucedo”. Con esta publicación, a Asociación Rapa das Bestas pretende dar a coñecer tanto o propio evento como os demais aspectos e recursos propios da parroquia do concello da Estrada e da súa contorna, para así conseguir desestacionalizar o turismo na vila. A Presidenta estivo acompañada polo Deputado delegado de Turismo, Santos Héctor Rodríguez, o presidente da Asociación Rapa das Bestas, Enrique Bazal, e o concelleiro da Estrada de Obras e Servizos, Cultura, Medio Rural e Medio Ambiente, Juan Manuel Constenla.

A revista ten unha tirada de arredor de 5.000 exemplares que se están a distribuír entre oficinas de turismo, locais de hostalería, campings, restaurantes, asociacións culturais e demais localizacións onde se consiga promover a Sabucedo como destino turístico. Entre os seus artigos conta coa colaboración de persoas de renome como o escritor Manuel Rivas, de cuxo texto a Presidenta extraeu un fragmento para definir a Rapa das Bestas: “É certo que en Sabucedo hai loita. Non é unha brincadeira, non é un simulacro, non é unha trangallada. Hai loita, si. Mais non hai humillación, non hai abuso, non hai saña. Non hai morte. En realidade é unha loita contra a morte. A celebración do rexurdir da natureza, unha vez pasada a proba dos desafíos”.

Carmela Silva lembrou que na revista se amosa “perfectamente o que son Sabucedo e a Rapa, e tamén a importancia que os cabalos teñen na nosa cultura. Non hai cidade na provincia que non teña algunha escultura onde os cabalos sexan a imaxe da potencia, da forza do noso, da nosa tradición”. En canto ao seu nome, Enrique Bazal explicou que o “ADN” de ADN Sabucedo “ten máis que ver cun sentido colaborativo que cun racial, o espírito cooperativo e solidario de Sabucedo”. A este respecto, a Presidenta provincial quixo resaltar que a veciñanza desta aldea, tal como comprobou ao visitala hai uns meses, “ten un compromiso total e absoluto non soamente coa súa parroquia e o monte, senón que o seu espírito de colaboración ten moito que ver cos nosos devanceiros e devanceiras”.

O presidente da Asociación quixo ademais lembrar que o obxectivo desta publicación non é tanto dar a coñecer a Rapa das Bestas no exterior, xa que conta cunha enorme repercusión mediática –este ano xa se acreditaron 48 xornalistas de 11 países de todo o mundo–, senón a posta en valor de “todo o patrimonio cultural, etnográfico e paisaxístico de Sabucedo”, asegurou, para así “descontextualizar a aldea de Sabucedo da Rapa” e conseguir que a xente se achegue á vila máis aló da Rapa e goce do seu sendeirismo, os seus muíños e un longo etcétera de posibilidades. Lembrou a Presidenta da Deputación que “Sabucedo é un dos espazos máis relevantes non só da nosa provincia, senón de toda Galicia” e que, ademais, “o turismo de interior é unha das nosas grandes potencialidades. Polo tanto, o temos que traballar e promover máis e mellor”. Cómpre lembrar que na vila de Sabucedo só hai censadas arredor de 40 persoas e chega a acoller ata a 20.000 durante os días da Rapa.

Así mesmo, Silva non quixo desaproveitar a oportunidade para pór en valor o papel que xogan na Rapa das Bestas as mulleres, que están presentes tanto na directiva como en todas as actividades desenvolvidas pola Asociación e tamén participan na Rapa como aloitadoras. “Quéroo pór en valor porque non sempre é así en todas as actividades humanas”, asegurou a Presidenta provincial, á vez que definiu a Sabucedo como “unha vila igualitaria”.

A edición deste ano da Rapa das Bestas, que naceu hai máis de catro séculos e foi declarada en 2007 Festa de Interese Turístico Internacional, comeza este mesmo xoves, 30 de xuño, e terá lugar ata o luns, comezando os curros o sábado 2 de xullo ás 19:00 horas. Ademais da propia rapa nos curros, desenvolveranse outras actividades como o Festival Rapasons (o venres 1 a partir das 22:30 horas), que contará coas actuacións de, entre outros, Sés, Ataque Escampe ou Xabier Díaz e Adufeiras do Salitre.

28 de xuño de 2016 | 17:16 • Sen comentarios

Comentarios pechados.