Política Social pon en común con entidades xuvenís, empresas, universidades e técnicos de Xuventude as capacidades dos xóvenes galegos

Cecilia Vázquez no Espazo Xove de Ourense
A Consellería de Política Social continúa cos encontros de “Talento Xove”, unha nova iniciativa que ten por obxecto avaliar con axentes, responsables de diferentes entidades e institucións que participan nas políticas de xuventude as posibilidades de desenvolvemento das capacidades dos mozos e mozas galegos. O Espazo Xove de Ourense acolleu hoxe unha nova xuntanza deste foro de participación, que a semana pasada xa se desenvolveu na cidade de Lugo.
Ademais da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, na reunión de traballo desta mañá déronse cita asociacións de empresarios, representantes de universidades, técnicos de xuventude doutras administracións e directivos de selección de persoal de varias empresas. O obxectivo desta iniciativa é o de recoller a opinión e as ideas dos principais axentes que traballan coa xuventude en Galicia, aos efectos de analizar as necesidades, descubrir as oportunidades e propiciar un intercambio de coñecementos.
Estas xuntanzas teñan unha duración de hora e media, tempo durante o que os participantes analizan e reflexionan dende diferentes puntos de vista sobre como o talento da nosa mocidade pode reverter no tecido empresarial galego.











