Pablo Díaz e Tic-Tac-Toc serán os mestres de cerimonias na final do Quero Cantar

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Coruña
A-
A+

Como se dunha gran festa de fin de curso se tratase, o Teatro Colón da Coruña prepárase para acoller o vindeiro 28 de xuño a final do concurso musical infantil Quero Cantar. Cinco bandas deberán defender a partir das 18.00 horas os temas cos que se presentaron a esta primeira edición do certame, para o que se inscribiran 17 propostas.

Logo dunha primeira fase na que os temas foron sometidos ao veredicto dun xurado de artistas profesionais, e unha segunda fase de votación pública nas redes sociais, as cinco bandas que chegan á cita final son Leila Santos, o Colexio Manuela Rial Mouzo, Xente Miúda de San Orente, Colaxe e a Banda Batuke do colexio das Xesuitinas da Coruña. Nesta ocasión, a responsabilidade de decidir a banda gañadora absoluta do certame vai recaer nun xurado formado por cinco nenas e nenos de distintas etapas de educación primaria.

“A final coincide co remate do curso así que agardamos que sexa un grande festival para nenos e nenas que participen nesta primeira edición do Quero Cantar. As portas están abertas para unha xornada festeira que anime a seguir cantando na nosa lingua”, sinalou a responsábel da área de Cultura e vicepresidenta da Deputación, Goretti Sanmartín que valora a iniciativa do concurso como unha maneira acaída de convidar ás crianzas a cantar na nosa lingua.

Como convidados especiais a cita vai contar tamén coa presenza e a actuación de Pablo Díaz e Tic-tac-toc, unha proposta musical que fai furor entre o público familiar de toda Galicia e especialmente entre o da súa cidade, onde cada actuación de banda se converte nunha marabillosa festa para grandes e cativos.

Sumar iniciativas ao actual movemento da música infantil galega, que pola súa calidade e polo número de propostas está a acadar nestes momentos unha repercusión inaudita, incluso fóra da propia Galicia, é precisamente un dos obxectivos que a área de cultura da Deputación da Coruña se propón co lanzamento desta certame.

Con propostas como Xente miuda moita fartura, Toc-toc ou Tic-Tac, Pablo Díaz e a súa banda situáronse no cúmio da música infantil e conseguiron recoñecementos como o Premio Martín Codax ademais do aplauso do público miúdo.

15 de xuño de 2016 | 17:59 • Sen comentarios

Comentarios pechados.