Pablo Díaz agarda que a final do “Quero Cantar” sexa un día especial e unha grande festa

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Coruña
A-
A+

Xa quedan poucos días para que o vindeiro martes 28 de xuño se coñeza o nome gañador do I Concurso Musical Infantil da Deputación da Coruña, “Quero Cantar”. O músico Pablo Díaz, un referente da canción para público infantil, actuará na gala final que se desenvolverá no Teatro Colón da Coruña coa participación dos cinco grupos finalistas. No seu encontro coa vicepresidenta e responsábel de Cultura, Goretti Sanmartín, valorou o “Quero Cantar” como “unha extraordinaria iniciativa”

Pablo Díaz e Tic, Tac, Toc son a banda convidada á gala final do I Concurso Musical Infantil da Deputación da Coruña, “Quero Cantar”, que se desenvolverá no Teatro Colón da Coruña o vindeiro 28 de xuño ás 18 horas. Músico de referencia no extraordinario momento que está a atravesar a música para o público infantil, Pablo Díaz parabenizou a área de Cultura da Deputación da Coruña pola iniciativa de animar a cantar na nosa lingua a nenas e nenos no encontro que mantivo este luns coa responsábel da área e vicepresidenta Goretti Sanmartín.

“Ao meu ver, esta iniciativa é extraordinaria en tanto que incentiva a creatividade de nenos e nenas”, sinalou Pablo Díaz quen recoñeceu tamén a calidade das cinco cancións que concursan na final para se faceren cos premios da I edición do “Quero Cantar”. Un dos principais nomes do espectacular momento que atravesa a música infantil, Pablo Díaz, é tamén un dos que máis aplausos recibe do público infantil que responde con entusiasmo a cada un dos seus concertos. Agora agarda que iso tamén se note na gala final do Teatro Colón. “Estou certo de que será un día moi especial e unha grande festa. Estamos encantados de participar nesta primeira edición dun certame que sería estupendo que continuase e collese cada ano máis pulo”, afirmou Pablo Díaz na súa visita á sede da Deputación para concretar distintos aspectos do concerto do día 28 de xuño que, ao seu ver, ten que funcionar tamén á maneira de festa de fin de curso xa que se celebra tan só uns días despois da finalización das aulas.

A vicepresidenta da Deputación e responsábel da área de Cultura, Goretti Sanmartín, agradeceulle a Pablo Díaz o seu compromiso coa iniciativa. “Para nós é un aval importante que un músico tan respectado e querido apoie o concurso coa súa participación que, por outra parte, é garantía de festa nesa primeira gala final do “Quero Cantar””, valorou Goretti Sanmartín. “Para nós esta nova iniciativa responde á vontade de motivar a creatividade de nenas e nenas na nosa lingua. Felizmente, cada vez hai máis produción musical de calidade dirixida ao público infantil e, por iso, queriamos aproveitar o momento para animar a que sexan agora as crianzas as que se poñan a cantar e na nosa lingua”, sinala a responsábel da área de Cultura que convida a participar na festa final do concurso no Teatro Colón.

A gala, que estará presentada por Isabel Risco, contará coa participación das cinco bandas finalistas que interpretarán a canción coa que concursaron. Banda Batuke do Colexio Fillas de Xesús, da Coruña, Colaxe de Laxe, Escola Manuela Rial Mouzo de Cee, Leila Santos de Porto do Son e Xente Miúda de San Orente de Serra de Outes competirán para facerse co primeiro premio do Quero Cantar.
Finalistas:

1. Leila Santos: https://www.youtube.com/watch?v=44OQY6SK1EU
Leila Santos é unha nena do Porto do Son que ten 9 anos e que se presentou ao Quero Cantar coa rumba “A árbore tropical”, da que ela mesma fixo a letra. Acompáñana o pai e os compañeiros deste no grupo de rumba Os mordecáns.

2. Colexio Manuela Rial Mouzo: https://www.youtube.com/watch?v=sHt3W8QnJZg
O Manuela Rial Mouzo é un cole de Cee que ten gran tradición musical. Animados polo mestre de música José Carbia preparon o tema Soños para o Quero Cantar.

3. Colaxe: https://www.youtube.com/watch?v=qmw-Ap3b98I
Colaxe é un grupo formado na vila de Laxe por catro componentes e que ten unha salientable vocación didáctica xa que adoitan facer actuacións para público familiar nos que a interactuación cos asistentes cobra sempre un papel especial. O guitarrista, Fernando, compuxo o arrolo Durme, Elsiña para lle cantar á súa filla Elsa cando esta era pequena. Agora Elsa ten sete anos e é ela mesma quen o interpreta para presentarse ao Quero Cantar.

4. Xente Miúda de San Orente: https://www.youtube.com/watch?v=3Ai20kDoj2E
Este grupo está formado por alumnado de música e baile tradicional da asociación Xente de San Orente, na Serra de Outes. Acompáñaos ao acordeón o seu mestre Gustavo Couto. Para a letra escolleron o poema Escola de Manuel María.

5. Banda Batuke do Colexio Fillas de Xesús, da Coruña: https://www.youtube.com/watch?v=mnumppTkQ68
10 nenas e nenos deste colexio, guiados pola súa mestra de música, Elisa Alcalde, compuxeron letra e música da canción Samaín, que interpretan a ritmo de batukada cunhas percusións construídas a partir de obxectos de reciclaxe.

20 de xuño de 2016 | 17:52 • Sen comentarios

Comentarios pechados.