publicidade hoxe

Ourense pode ser a primeira provincia “Destino Turístico Intelixente”

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCenlleOurense
A-
A+
Manuel Baltar na xornada sobre Destinos Turísticos Intelixentes

Manuel Baltar na xornada sobre Destinos Turísticos Intelixentes

O Goberno de España confirma que Ourense pode ser a primeira provincia “Destino Turístico Intelixente”. Así o deu a coñecer hoxe Antonio López de Ávila, presidente da Sociedade Estatal para a Xestión da Innovación e as Tecnoloxías Turísticas (Segittur), pertencente ao Ministerio de Industria, na celebración da xornada sobre “Destinos Turísticos Intelixentes, comercialización e experiencias Spain.info”, que tivo lugar no balneario de Laias (Cenlle), coa participación do presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, e coa asistencia de medio cento de técnicos de turismo e cultura dos concellos da provincia, alcaldes e touroperadores. O obxectivo do encontro foi achegar coñecementos e experiencias para aportar valor á riqueza turística da provincia e coñecer as plataformas de promoción do turismo que xestiona o Ministerio de Industria.

Previsamente, o traballo desenvolvido nos últimos tempos por parte da Deputación, potenciando a “marca Ourense” nos ámbitos da promoción turística, cultural, deportiva e económica, xunto coa innovación en materia de xestión tecnolóxica, fan que a provincia ourensá sexa considerada un “territorio de vangarda” para aplicar as innovación de xestión no ámbito do turismo e acadar a distinción de ser a primeira provincia denominada “Destino Turístico Intelixente”.

Manuel Baltar cualificou como “básico e primordial” posicionar á nosa provincia “aplicando a innovación na xestión do sector turístico, e promovendo á vez o emprendemento e a internacionalización para potenciar as singularidades do noso territorio”

López de Ávila destacou o labor que está a desenvolver a Deputación de Ourense coa posta en marcha de iniciativas innovadoras aplicadas á xestión turística, sinaladamente no ámbito do termalismo social e deportivo “que se traducen en promoción e competitividade para a provincia de Ourense”. Por elo, Segittur, que desenvolve proxectos nos ámbitos da tecnoloxía, o emprendemento, a internacionalización, a innovación e o coñecemento aplicados ao sector turismo, fixouse no traballo que está a realizar a Deputación de Ourense para certificar que o territorio ourensán será a primeira provincia co distintivo “Destino Turístico Intelixente”.

Ser “Destino turístico intelixente”, supón aplicar os últimos avances tecnolóxicos na xestión, xeo-localización e posicionamento turístico na procura de novos mecanismos para impulsar a innovación nos destinos co desenvolvemento das TICs, para crear servizos diferenciais e competitivos con base na tecnoloxía aplicada ao turismo.

Ourense, iniciativas de vangarda

“Contemplamos a provincia de Ourense como un todo –explica Manuel Baltar-, á hora de levar a cabo iniciativas turísticas e promocionais de vangarda”, e citou eventos tan importantes como a vindeira edición da “Vuelta a España”, que este verán disputará por primeira vez na historia catro etapas na provincia de Ourense, ou o programa de Termalismo Social, “que achega á nosa provincia a turistas de 40 cidades de España, por medio dun convenio con Renfe; un programa que contempla un sistema tecnolóxico de xestión inmediata a través do teléfono móbil que permite aos usuarios reservar ao momento a súa estancia nos establecementos balnearios da provincia ourensá”.

Baltar, quen agradeceu a cooperación que amosa neste ámbito o Goberno de España coa Deputación, citou tamén o proxecto que está a impulsar de “Provincia Intelixente”, “o cal agardamos teña financiamento europeo para levalo a cabo e que xa ten espertado o interese doutros territorios dentro e fóra de España, un proxecto no que a Deputación actúa como eixe vertebrador de todos os concellos á hora de prestar servizos aos cidadáns”.

O presidente do goberno provincial lembrou tamén o labor que está a desenvolver a Deputación co Plan “Ourense, a provincia termal” e tamén co impulso que lle está a dar á candidatura da Ribeira Sacra como Patrimonio Mundial da Unesco, iniciativas estas, unidas a outras do ámbito deportivo e de promoción cultural e patrimonial “que fan que se incrementen as cifras de turistas que nos visitan e que os visitantes elixan a nosa provincia para pasar uns días de lecer coñecendo as excelencias do noso territorio”.

Na xornada de hoxe, organizada polo Inorde, desenvolvéronse dous relatorios, un a cargo de Antonio López de Ávila, quen falou da aposta de futuro que supoñen os Destinos Turísticos Intelixentes, e Patricia Zapardiel, directora de Proxectos de Segittur, quen ofreceu claves de impulso e asesoramento para a creación e comercialización de experiencias turísticas a través do portal oficial de turismo de España www.spain.info.

9 de xuño de 2016 | 17:33 • Sen comentarios

Comentarios pechados.