Os premios ‘Comercio con talento’ distinguen o negocio ‘Miller Vintage Running Club’ de Pontevedra

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaPontevedra
A-
A+
Sol Vázquez na entrega do premio ao responsable de Miller Vintage Running Club

Sol Vázquez na entrega do premio ao responsable de Miller Vintage Running Club

A directora xeral de Comercio, Sol Vázquez Abeal, entregou esta mañá ao establecemento pontevedrés ‘Miller Vintage Running Club’ un dos premios do certame Comercio con talento, unha iniciativa da Consellería de Economía, Emprego e Industria coa que se busca impulsar a innovación e o emprendemento no comercio galego ao tempo que se favorece o coñecemento e o contacto do alumnado de formación profesional co sector e a súa realidade, complementando así a súa formación.

Na segunda edición desta iniciativa participaron alumnos e alumnas dos 26 centros galegos que imparten os ciclos de grao medio de Actividades comerciais e de grao superior de Xestión de vendas e espazos comerciais.

Os estudantes participantes elaboraron un proxecto sobre un comercio que, ao seu xuízo, destaca pola súa innovación. Un xurado especializado, formado por técnicos da Xunta e expertos en materia de comercio, escolleu aos 9 comercios con máis talento de entre os propostos e fixo unha preselección de 4 proxectos que se publicaron no Facebook do Portal do Comerciante para que un dos 10 premios fose decidido polo número de gústame que reciba. Os alumnos autores dos 10 proxectos gañadores reciben como premio un iPad mini.

‘Miller Vintage Running Club’, proposto por Pablo Piñeiro Taboada, alumno do grao superior de Xestión de vendas e espazos comerciais do CIFP As Mercedes de Lugo, foi a proposta máis votada nas redes sociais, cun total de 500 votos. Ademais de tenda de deportes especializada en atletismo, o establecemento tamén ofrece unha sala de ximnasia, asesoramento físico e outras actividades como un servizo de biblioteca deportiva.

O respaldo ao sector comercial é un dos principais eixos de actuación da Consellería de Economía, Emprego e Industria, que ten en marcha o Plan de Impulso ao Comercio de Galicia. Neste contexto, no que vai de ano puxéronse en marcha programas de axudas por máis de 7 millóns de euros para dinamizar centros comerciais abertos e prazas de abastos, impulsar o smart commerce, ou respaldar o asociacionismo comercial.

17 de xuño de 2016 | 16:53 • Sen comentarios

Comentarios pechados.