Os comités de empresa de Ence acusan á dirección dun clima laboral insoportable
Os comités de empresa dos distintos centros de traballo de Ence responsabilizan á xestión do equipo de dirección dun clima laboral “insoportable” e advirten de que queren evitar “a deterioración dunha empresa tan importante para o tecido empresarial” española.
Así o indican nun comunicado conxunto dos comités da fábrica de Navia e centro de operacións de Huelva, ademais das oficinas centrais da primeira localidade e de Pontevedra.
Nel, esixen “sen ningunha dilación” que a dirección xeral da compañía “tome as medidas oportunas para finalizar coa insostible situación” en que, afirman, atopan os traballadores da dirección forestal da empresa.
Ao respecto, critican que sobre estes traballadores “se está a exercer unha presión absoluta que mesmo chega a materializarse” en excesos de carga de traballo sen control, ameazas de despedimento ante a non consecución de obxectivos totalmente desproporcionados e despedimentos inxustificados”.
“MALTRATO PSICOLÓXICO E VEXACIÓNS”
Neste sentido, advirten de que “nalgúns casos” se está “chegando mesmo ao maltrato psicolóxico e vexacións” a estes traballadores.
Así as cousas, reclaman igualmente a reincorporación do enxeñeiro de procesos da dirección forestal “inxustamente despedido”, segundo apuntan, “precisamente baseándose nese clima laboral existente e á falta de criterio no desenvolvemento persoal e profesional das persoas dentro de Ence”.
“Esiximos pois que se adopten as medidas oportunas para posibilitar o desenvolvemento profesional dos traballadores de Ence. Estase a despedir persoal con experiencia por motivos inxustificados, chegando mesmo a substituilo con bolseiros e contratos en prácticas”, denuncia.
“ESTANSE A LEVAR POR DIANTE A EMPRESA”
Así mesmo, demandan que se acabe “co modelo de xestión imposto” -refírense a “minicompañía” e “TQM”-, ao entender que “se mostrou como absolutamente incompatible coa consecución dos resultados en todos os aspectos”. “Estanse a levar por diante a esta empresa e aos seus traballadores”, avisan.
Por último, piden o cesamento das “incorporacións arbitrarias de profesionais pouco cualificados (sen experiencia na materia)” aos centros de traballo, con salarios que, segundo censuran, “chegan a superar por moito os dos profesionais de Ence con máis experiencia”. Ao respecto, citan consultores externos “que actúan como liña de mando” e outros profesionais de sectores “moi diferentes” ao de Ence.
“Queremos evitar a deterioración dunha empresa tan importante para o tecido empresarial neste país, causado pola xestión do equipo de dirección, que nos está a levar a un clima laboral insoportable, a ruína económica asegurada e a consecuente perda de postos de traballo cando as condicións de mercado sexan menos favorables”, conclúen.











