O Teatro Colón acollerá a final do I concurso Quero Cantar da Deputación da Coruña
Cinco bandas de música infantil optan ao primeiro premio do concurso da Deputación da Coruña Quero Cantar, que celebra este ano a súa primeira edición. A responsábel das áreas de Cultura e Normalización Lingüística, Goretti Sanmartín, agarda que o concurso “serva para incentivar a creación musical en galego e acompañe ao bo momento da música para o público infantil”.
Os cinco grupos chegan á cita do Colón, o martes ás 18.00 horas , logo de superaren dúas fases previas para as que foran inicialmente admitidas 17 propostas. Nun primeiro momento foi un xurado formado por artistas profesionais quen seleccionou 10 delas e, posteriormente, o público puido votar a través das redes sociais para escoller os cinco nomes que o próximo martes han interpretar en directo os seus temas. Estes nomes son os da Banda Batuke, do colexio das xesuitinas da Coruña, Leila Santos, Colaxe, Xente Miúda de San Orente e o grupo do Colexio Manuela Rial Mouzo de Cee.
A gala ha estar conducida pola actriz coruñesa Isabel Risco e contará coa participación como artistas convidados de Pablo Díaz e Tic-tac-toc, un dos referentes na actualidade do panorama da música infantil galega.
Nesta final a responsabilidade de elixir o grupo e a canción vencedora absoluta do certame vai recaer nun xurado formado por cinco nenas e nenos, todos eles de diferentes etapas de educación primaria e con formación musical acreditada, que foron propostos para esta función por mestras e mestres de diferentes colexios coruñeses.
Con todo, desde a organización saliéntase que máis ca unha final o que se pretende é que a gala sexa toda unha festa. Desde a Deputación valórase que o obxectivo fundamental do concurso logrouse desde o mesmo momento en que todas a cada unha das rapazas e os rapaces que participaron, axudados por mestres e mestras e tamén pais e nais, se meteron de cheo no proceso de creación das cancións. A vicepresidenta e responsábel das áreas de Normalización e Cultura destaca que “as distintas etapas do concurso fixeron que nenos e nenas se divertiran e aprenderan. O concurso serviu xapara que as crianzas crearan tocara e cantaran na nosa língua e iso é xa un obxectivo cumprido”.
Os premios principais deste certame son, en primeiro lugar, a edición en CD dos 10 primeiros clasificados e a súa distribución de balde e en exclusiva para colexios públicos de toda Galicia. Ademais, o grupo que resulte vencedor da gala final ha gravar un videoclip da súa canción e recibirá 300 euros destinados á compra de material musical. Os restantes catro finalistas tamén han recibir cadansúa cantidade para a compra de material.
Quen desexe saber máis acerca do concurso pode informarse a través da súa páxina web www.querocantar.gal , ou dos seus perfís de Facebook e Twitter.
Recollida de entradas na billeteira o propio martes 28, o horario pola mañá é a partir das 12 e pola tarde de 17.00 a 18.00.
Finalistas:
1. Leila Santos: https://www.youtube.com/watch?v=44OQY6SK1EU
Leila Santos é unha nena do Porto do Son que ten 9 anos e que se presentou ao Quero Cantar coa rumba A árbore tropical, da que ela mesma fixo a letra. Acompáñana o pai e os compañeiros deste no grupo de rumba Os mordecáns.
2. Colexio Manuela Rial Mouzo: https://www.youtube.com/watch?v=sHt3W8QnJZg
O Manuela Rial Mouzo é un cole de Cee que ten gran tradición musical. Animados polo mestre de música José Carbia preparon o tema Soños para o Quero Cantar.
3. Colaxe: https://www.youtube.com/watch?v=qmw-Ap3b98I
Colaxe é un grupo formado na vila de Laxe por catro componentes e que ten unha salientable vocación didáctica xa que adoitan facer actuacións para público familiar nos que a interactuación cos asistentes cobra sempre un papel especial. O guitarrista, Fernando, compuxo o arrolo Durme, Elsiña para lle cantar á súa filla Elsa cando esta era pequena. Agora Elsa ten sete anos e é ela mesma quen o interpreta para presentarse ao Quero Cantar.
4. Xente Miúda de San Orente: https://www.youtube.com/watch?v=3Ai20kDoj2E
Este grupo está formado por alumnado de música e baile tradicional da asociación Xente de San Orente, na Serra de Outes. Acompáñaos ao acordeón o seu mestre Gustavo Couto. Para a letra escolleron o poema Escola de Manuel María.
5. Banda Batuke do Colexio Fillas de Xesús, da Coruña: https://www.youtube.com/watch?v=mnumppTkQ68
10 nenas e nenos deste colexio, guiados pola súa mestra de música, Elisa Alcalde, compuxeron letra e música da canción Samaín, que interpretan a ritmo de batukada cunhas percusións construídas a partir de obxectos de reciclaxe.











