publicidade hoxe

O Servizo de Gardacostas exporá o seu labor de rescate nunha xornada en Baiona

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaBaiona
A-
A+

O Servizo de Gardacostas da Consellería do Mar participará mañá en Baiona nunha xornada de seguridade no mar organizada polo Monte Real Club de Yates en colaboración co Servizo de Gardacostas, Salvamento Marítimo, Inaer e Viking. O obxectivo desta xornada é a formación de tripulacións que participarán na regata oceánica Baiona Angra Atlantic Race.

Pola mañá, a partir das 11:30, o comandande e instrutor, Álvaro Espejo, e o rescatador José Luis Iglesias, ambos da tripulación do helicóptero Pesca 1 da Xunta de Galicia, ofrecerán un relatorio sobre exemplos prácticos de rescate no que explicarán os procedementos que desenvolven e os medios que utilizan nestes casos.

Pola tarde, dende as 16:00 horas, a xornada continuará coa parte práctica, na que se desenvolverán diferentes exercicios na auga e tamén con helicóptero. Na parte dos exercicios de helicóptero participará o Pesca 1, que fará tres simulacións de rescate. Unha delas consistirá nunha evacuación dun tripulante dun barco realizada con cesta, outro exercicio será o rescate dun home na auga e o terceiro consistirá nunha misión de salvamento de persoas que están nunha balsa.

Servizo de Gardacostas

O Servizo de Gardacostas é o organismo dependente da Consellería do Mar que ten as funcións de vixilancia, busca, salvamento e protección do medio mariño nas augas galegas. Estrutúrase en servizos centrais e en unidades operativas distribuídas por todo o litoral de Galicia. Para desenvolver os seus labores por vía aérea o servizo conta co helicóptero Pesca 1, con base en Vigo e co Pesca 2, con base en Celeiro. No ano 2015 este servizo cumpriu 25 anos de historia e neste tempo salvou a vida de máis de 1.500 persoas.

29 de xuño de 2016 | 19:02 • Sen comentarios

Comentarios pechados.